O Concello de Santiago ofrece máis de 100 cursos online gratuítos en resposta á pandemia
mércores, 15 de abril do 2020
O
alcalde
de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou hoxe que o Concello
compostelán está a facer historia en materia tecnolóxica e
formativa nestes tempos de Estado de Alarma e restricións de
toda índole á actividade presencial, e faino coa que sería, nas
súas palabras, “a maior oferta docente en liña dos últimos
anos”, destinada a mitigas as consecuencias da crise sanitaria
global a través de 1.500 prazas en máis dun centenar de cursos
online de múltiples áreas profesionais. Estes cursos
enmárcanse no programa Talentia
Summit’20, a iniciativa para facer voar a creatividade, o
espírito innovador e a empregabilidade da cidadanía. Abéirase,
tamén, ao plan para a reactivación económica posto en marcha polo
Concello. A inscricións nos cen cursos está aberta dende hoxe.
O
rexedor animou á cidadanía a participar nestes cursos e a que
“aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa formación”,
engadindo que “despois da crise” haberá grandes cambios, “que
pasarán pola innovación e as novas tecnoloxías, e debemos
aproveitar para posicionarnos neste novo escenario económico”.
Segundo
fixo saber, o plan de formación online pretende abrir novas
oportunidades “para a recualificación profesional, para adaptarnos
ás necesidades cambiantes do mercado de traballo e reforzar a
capacidade de recolocación das persoas demandantes de emprego entre
sectores”.
Requisitos
Os
únicos requirimentos para ter acceso a esta formación son: ter como
mínimo 16 anos de idade e estar rexistrado/a no Padrón Municipal de
Habitantes de Santiago. Os cursos online están dirixidos a
persoas desempregadas, persoas traballadoras en ERTE, persoas
empregadas en PEME e persoas autónomas.
Trátase
dunha manchea de actividades cen por cen de balde, xa que están
financiadas polo Concello de Santiago. Cada persoa poderá realizar
un curso ao mesmo tempo, e cando o remate, poderá participar noutro
se o desexa, ata que se finalicen as prazas.
A
oferta, como dixemos, componse de 100 cursos online de
diferentes áreas profesionais, cun total de 1.500 prazas
dispoñíbeis. Serán 4.700 horas de formación.
Os/as
participantes terán acceso ao material mediante unha plataforma de
formación dixital operativa as 24 horas do día todas as xornadas da
semana. Tamén disporán dunha titoría durante o horario laboral
para a xestión de incidencias e control da progresión formativa.
Recibirán un diploma acreditativo oficial ao completar
satisfactoriamente o itinerario formativo.