O Goberno achega financiamento ao CITIC, ao CESGA e ao CiTIUS para os seus novos proxectos
venres, 30 de maio do 2025
O Goberno, a través do MICIU (Ministerio de Innovación, Ciencia e Universidades), destinará 23 millóns de euros a 123 proxectos españois de I+D+i través das axudas a Proxectos de Colaboración Internacional. Destas 123 iniciativas, 10 son galegas. Na listaxe de centros beneficiados atopamos ao CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), ao CITIC (Centro de Investigación TIC) da UDC e ao CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) da USC.
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), a través de a Axencia Estatal de Investigación (AEI), publicou a proposta de resolución do procedemento de concesión directa de axudas públicas de 2025 destinadas a proxectos de investigación científica, técnica e innovación que son obxecto de acordos de programas de investigación e innovación bilaterais ou multilaterais e que requiren de financiamento nacional.
A convocatoria destas subvencións forma parte do Programa Estatal de Transferencia e Colaboración, dentro do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación (2024-2027).
O obxectivo é “facilitar a colaboración dos distintos axentes executores da I+D+i e promover o desenvolvemento de convocatorias conxuntas con axencias de financiamento nacionais doutros países ou axencias internacionais que estean dirixidas a proxectos de alto impacto en calquera área de coñecemento, favorecendo o liderado dos grupos españois”.
Como dixemos, en Galicia beneficiaranse destas axudas 10 proxectos, que se beneficiarán de diferentes contías. Na listaxe atopamos á Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), que obtén 200.000 euros máis 31.250 € (propostas de financiamento de 2025 e 2026), o CINBIO da UVigo (137.500 € + 96.250 €), a Facultade de Ciencias da UVigo (102.500 € + 72.500 €), a Escola de Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais Forestais (156.250 € máis 113.750 €), o CITIC da UDC (120.000 € + 98.750 €), o CiTIUS da USC (120.000 € + 95.000 €), a Escola Politécnica Superior da USC en Lugo (102.500 € + 72.500 €), a Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC (53.750 € + 40.000 €) e a Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do CSIC (125.000 € + 73.750 €).