O Goberno de Ames visita as dependencias da empresa tecnolóxica Tecalis Innovación
xoves, 5 de abril do 2018
A
empresa Tecalis, centrada en
servizos TIC avanzados, vén
de amosar as súas importantes liñas de actividade e os seus
compromisos sociais e igualitarios perante o Concello de Ames.
Foi no transcurso dunha visita do alcalde, José Miñones, ás
instalacións que a dita firma ten no Polígono Novo Milladoiro, unha
estadía na que participaron (entre outras/os integrantes da
Administración local e da compañía TIC) a concelleira de Promoción
Económica, Isabel González, o director xeral de Tecalis, Isidoro
Martínez, o director de operacións, Alberto Campos, e maila
directora de desenvolvemento corporativo, Berta Caro.
Na
visita, os directivos da empresa Tecalis Innovación (que participou
a
finais do pasado mes de febreiro no Mobile World Congress (MWC), tal
e como sinalamos en Código Cero salientando a potencialidade
empresarial da plataforma Signen, presentada no referencial evento
tecnolóxico e de mobilidade) fixeron un percorrido polos seus
proxectos recentes e polos seus procesos de espallamento (conta cunha
delegación en Madrid e delegacións comerciais en México DF), que
abranguen a vindeira apertura de novas oficinas e colaboracións nun
breve espazo de tempo, poñendo o foco nos mercados latinoamericano e
o norteamericano.
Tecalis,
como lembraremos, é unha empresa de novas tecnoloxías, adicada ao
desenvolvemento áxil a medida de solucións na nube e deseño UX, e
á consultoría estratéxica dixital e a proxectos tecnolóxicos
especializados na transformación dixital. Entre os proxectos de
Tecalis atópanse desenvolvementos de alta tecnoloxía a medida,
ciberseguridade, datos a gran escala (Big Data), blockchain,
aplicacións móbiles, solucións adaptadas ás necesidades concretas
de empresas, administracións públicas, organizacións e
asociacións, en todo o territorio nacional e tamén a nivel
internacional.
Segundo
puideron coñecer de man os membros do Goberno local, Tecalis inviste
directamente en I+D+i e dispón de tecnoloxías patentadas a nivel
europeo. Ademais mantén relevantes acordos de colaboración coa
Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de
Compostela (USC). Asemade, é un dos patróns fundadores da Fundación
Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) e as
Comunicacións de Galicia ( FCITICG).
A
día de hoxe, Tecalis informou que se atopa mergullada “nun período
de medre e espallamento mediante estratexias de innovación, RSE
(Responsabilidade Social Empresarial) e igualdade, co obxectivo de
converterse nun referente no sector”. A firma, a este respecto,
comentoulle ao Concello que un dos primeiros pasos como empresa a
prol da igualdade foi a recente incorporación de Tecalis ao Clúster
TIC Galicia da man dunha muller, Berta Caro, “un feito histórico
no sector, así como a promoción da contratación de mulleres no seu
persoal”, engadiu o equipo directivo da entidade.