O Goberno e a CEL impulsarán a transformación dixital das pemes da provincia de Lugo

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo acolleu este mércores 11 de outubro a presentación do programa estatal Xeración Dixital Pemes (Generación Digital Pymes), iniciativa do Goberno destinada a achegar un extra de transformación tecnolóxico no tecido produtivo das comunidades autónomas. Na presentación participaron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o presidente provincial José Tomé, a alcaldesa lucense Lara Méndez e o secretario xeral da CEL, Jaime López, entre outros.
A subdelegada, na súa intervención, puxo en valor os preto de 100 millóns de euros que está a investir o Goberno en Galicia a través do plan de recuperación para favorecer a transformación dixital das súas empresas dos que xa se teñen beneficiado máis de 25.000 firmas na comunidade, 4.000 delas na provincia de Lugo.
Tamén dixo que na provincia o programa Xeración Dixital Pemes está a ser executado pola universidade privada CESUGA, a escola de finanzas EF Business School, a CEL e a Fundación Venancio Salcines. Rodríguez animou ás empresas lucenses a que “non deixen pasar esta oportunidade única, e tamén a aquelas persoas que se queiran formar para ser protagonistas da transformación dixital que está a promover o Goberno cos fondos do Plan de Recuperación”.
E engadiu: “Este Goberno segue a axudar ás empresas e aos empresarios, o que tamén contribúe á transformación da nosa economía e do noso modelo produtivo, un exemplo máis do moito que se pode facer coa colaboración público-privada”, apuntou a subdelegada.
Isabel Rodríguez salientou que o Goberno de Pedro Sánchez “está a facer do Plan de Recuperación unha ferramenta inmellorábel para o crecemento empresarial”. Outros exemplos diso, engadiu, son os 75 millóns de euros que mobiliza no plan de Apoio ao Emprendemento Industrial, que facilita a creación de novas iniciativas industriais e o crecemento e mellora da competitividade das empresas; o Kit Dixital, que xa mobilizou 12,5 millóns a través de máis de 3.300 bonos na provincia de Lugo, ou as oficinas do programa Acelera Peme.
A subdelegada lembrou que hai unhas semanas inaugurouse en Lugo un destes centros de asesoramento ás pemes e autónomos sobre ferramentas e solucións TIC. “Todas estas partidas exemplifican o noso compromiso e evidencian, unha vez máis, que este Goberno está do lado das empresas, dos empresarios e das empresarias, e vai con eles da man, poñendo enriba da mesa os investimentos que fagan falta para mellorar a súa competitividade”, concluíu.

PUBLICIDADE