O Grupo Galego de Gaia impulsa ferramentas para a explotación e divulgación dos datos dunha misión espacial

venres, 13 de xullo do 2018 Redacción

De esquerda a dereita, Manuel Fernández, Marco A. Álvarez, Daniel Garabato, Salvador Naya, Minia Manteiga, Carlos Dafonte e María Martínez

Os investigadores do CITIC, Carlos Dafonte e Minia Manteiga, forman parte do Grupo Galego de Gaia, a misión espacial de astrometría incluída no programa científico ESA Horizon 2000, cuxo obxectivo principal é medir cunha precisión sen precedentes a posición e os movementos das estrelas da Vía Láctea, creando un mapa tridimensional duns mil millóns de estrelas.
O Grupo Galego de Gaia (GGG) está formado polos investigadores da Universidade de A Coruña, Minia Manteiga (astrofísica), Carlos Dafonte, Marco Antonio Álvarez e Daniel Garabato (enxeñeiros informáticos do Departamento de Computación), coa colaboración das astrofísicas Ana Ulla, da Universidade de Vigo, e Ruth Carballo, da Universidade de Cantabria.
Os investigadores do CITIC apuntan que o grupo soubo sacar vantaxe da súa composición multidisciplinar, fundamental nunha misión como Gaia, cunha importante compoñente tanto de Astrofísica como de Tecnoloxías da Información e Comunicacións.

-Cal é o voso papel na misión espacial Gaia?
-Carlos Dafonte: O noso equipo está traballando nas unidades de coordinación 8 e 9 de Gaia. O obxectivo principal de CU9, a unidade máis recente, é a creación de técnicas e ferramentas para a explotación dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión. Desde 2006, CU8 está dedicando os seus esforzos a deseñar e desenvolver técnicas automatizadas que permitan a clasificación de todas as fontes que observa o satélite (non só estrelas da Vía Láctea, senón tamén obxectos extragalácticos) e da obtención das súas principais características e propiedades físicas, como a temperatura e gravidade das estrelas.
-Minia Manteiga: Esta información incluirase no arquivo de Gaia a partir da súa terceira versión (GDR3), prevista para o ano 2020, que permitirá estudar en profundidade os diversos obxectos astronómicos. A cuarta e definitiva versión deste catálogo publicarase arredor do ano 2023.

-A grandes trazos, como funciona o satélite?
-MM: Gaia é un satélite de tamaño medio (pesa unhas 2 toneladas e mide uns 10 metros), posto en órbita pola Axencia Espacial Europea en decembro de 2013. Leva incorporada unha cámara CCD dun billón de píxeles, que recolle a luz enfocada polos dous telescopios do satélite e que miran en dúas direccións diferentes do ceo. O satélite rota sobre si mesmo de modo que ambos telescopios barren grandes círculos no ceo. Así, as estrelas van pasando pola cámara e a súa luz alimenta tres instrumentos: o instrumento astrométrico que determina posicións e movementos, o instrumento fotométrico, que mide os colores das estrelas, e o espectógrafo, que mide a composición química das estrelas e as velocidades radiais. En promedio, ao longo dun ano, Gaia pasa por cada obxecto celeste unhas 15 veces.
-CD: Grazas ao segundo arquivo de Gaia (DR2) podemos construír un mapa tridimensional da Vía Láctea, que ademais inclúe movementos; é como unha holografía animada da nosa Galaxia. A medida que Gaia continúa acumulando estes datos, canto máis tempo pase, maior precisión terá o mapa.

-A que cuestións pretenden dar respostas os datos extraídos?
-MM: As medidas de Gaia son unha fonte de información única para os investigadores de calquera área da Astrofísica. O obxectivo principal da misión é estudar a estrutura da Vía Láctea: as súas partes, a súa cinemática (como se moven as estrelas) e a súa evolución (como se formou a galaxia e como cambian as estrelas no tempo).

-Que descubrimentos se puideron facer polo momento?
-CD: A publicación do primeiro arquivo de Gaia (DR1) tivo como obxectivo probar que a planificación das observacións e procesado de datos estaban funcionando correctamente, é dicir, demostrar a calidade dos datos e producir algúns resultados científicos preliminares. A realidade superou amplamente o previsto, e no ano e medio posteriores á súa publicación, apareceron centos de artigos científicos elaborados coas medidas da misión.

Entre os resultados máis interesantes atopamos:
- Coryn Bailer-Jones (Heidelberg, Alemaña), atopou 16 estrelas que nun futuro astronómico afastado pasarán preto do sistema solar e previsiblemente perturbarán os comentas da Nube de Oort, provocando unha chuvia de obxectos que poderían impactar ao noso planeta. Pero isto non sucedería antes de mil millóns de anos!
- Amina Helmi (Groningen, Holanda), encontrou un grupo de estrelas que rotan ao redor da galaxia en sentido oposto ao resto. A súa presencia podería explicarse se se trata de estrelas que formaban parte dunha pequena galaxia que se fusionou coa nosa no pasado.
- Sergei Koposov (Cambridge, EE.UU.), descubriu un novo cúmulo de estrelas que estaba oculto por atoparse en posicións próximas á estrela de Sirio, moi brillante no ceo.
- Tommaso Marchetti (Leiden, Holanda), achou un grupo de estrelas de moi alta velocidade, que se pensa que foron aceleradas polo encontro no buraco central da Vía Láctea, e algunhas posúen traxectorias que as levarán fóra da galaxia no futuro.

PUBLICIDADE