O Grupo Integrado de Enxeñaría da UDC celebrou o seu 25 aniversario
luns, 13 de maio do 2024
O Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da Universidade da Coruña celebrou o pasado venres 10 de maio o acto conmemorativo do seu 25 aniversario. A cita, que tivo lugar no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol, reuniu a máis de 100 persoas entre persoal investigador, empresas e institucións. Ao encontro acudiron por exemplo Ricardo Cao, reitor da UDC e investigador do CITIC, e Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.
Cao resaltou “a interdisciplinariedade” do Grupo Integrado de Enxeñaría, do que unha parte dese persoal investigador está adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a outra ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), emprazado no Campus de Ferrol. Pola súa banda, Ana Ares destacou todo o traballo realizado ao longo destes 25 anos no eido da innovación docente. A primeira parte do evento finalizou coa intervención de Richard Duro, coordinador do grupo e investigador do CITIC.
No seu 25 aniversario, o Grupo Integrado de Enxeñaría quixo recoñecer á Universidade da Coruña, á Fundación Universidade da Coruña (FUAC), ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), ao Centro Mixto de Investigación CEMI UDC – Navantia e ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Durante o acto entregáronse galardóns ao persoal investigador máis novo do grupo, entre os que se atopan José Antonio Becerra Permuy, do CITIC, Arsenio Iglesias e Silvia Fernández. O GII tamén recoñeceu o traballo realizado ao longo de toda a súa carreira universitaria a catro dos seus investigadores sénior: José Daniel Pena Agras, Alejandro García del Valle, Fernando Junco Ocampo e Fernando López Peña.
O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña está conformado por un equipo multidisciplinar de 55 persoas vinculadas a áreas de coñecemento como a enxeñaría naval e industrial, a computación ou a organización da produción.
Desde a súa creación, en 1999, o Grupo Integrado de Enxeñaría da UDC ten traballado no eidos da enxeñaría naval, a enxeñaría de fluídos, a organización industrial e da produción, a robótica ou a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo primordial é “contribuír á mellora tecnolóxica da industria na súa contorna máis próxima e á formación de doutores e doutoras de nivel internacional”.