O Grupo VARPA (CITIC) participa na asemblea de Achilles, centrado na IA eticamente responsable

luns, 15 de decembro do 2025 S. P.

O Grupo VARPA do CITIC (Centro de Investigación TIC) da Universidade da Coruña vén de participar na asemblea xeral do proxecto europeo ACHILLES, celebrada en Lisboa, un encontro clave para revisar os avances desta iniciativa e coordinar as próximas fases de traballo. ACHILLES é unha iniciativa financiada pola Unión Europea no marco do programa Horizon Europe, cun orzamento global superior aos 8 millóns de euros e a participación de 16 socios de 10 países europeos, entre os que se inclúen universidades, centros tecnolóxicos, empresas e administracións públicas.
O proxecto está orientado ao desenvolvemento de aplicacións avanzadas de intelixencia artificial, abordando retos fundamentais da IA actual como a explicabilidade dos modelos, a detección e mitigación de nesgos, a robustez fronte a cambios da contorna, a protección da privacidade e o cumprimento normativo. “Todo isto”, informou a UDC, “co obxectivo de promover unha adopción segura, ética e responsable da IA en contextos reais e de xerar un impacto significativo no desenvolvemento e despregadura de solucións de IA fiable, especialmente en sectores altamente regulados e socialmente sensibles como a saúde, a industria, os servizos dixitais e a economía creativa”.
A Universidade da Coruña desempeña un papel de liderado no proxecto ACHILLES ao coordinar o Paquete de Traballo 7 (WP7), dedicado á definición e validación de casos de uso en distintos sectores de aplicación. Este labor de coordinación permite conectar de maneira efectiva os desenvolvementos tecnolóxicos do proxecto con escenarios reais de uso, garantindo que as solucións de IA propostas se avalían e validan conforme aos máis altos estándares técnicos, éticos e regulamentarios.
Os casos de uso do proxecto abranguen ámbitos como a saúde (diagnóstico clínico), a verificación de identidade en contornas reguladas, a industria creativa mediante ferramentas de co-creación asistida por IA e o sector farmacéutico, centrado no cumprimento normativo e na xestión da calidade.
A delegación da UDC na asemblea estivo formada polos profesores e investigadores do grupo Marcos Ortega, líder do paquete de traballo de casos de uso, José Rouco e Emilio López. A participación da Universidade da Coruña en ACHILLES reforza o seu liderado internacional en investigación e transferencia de intelixencia artificial fiable e ética, consolidando o seu papel como institución de referencia no ámbito da IA aplicada.