O IES Ramón Menéndez Pidal - Zalaeta visita a sede do CITIC

mércores, 20 de decembro do 2023 S. P.

O Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC) recibiu na mañá deste martes 19 a visita de 24 alumnas e alumnos de 1.º e 2.º de Bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta (A Coruña), que este ano participa de novo na cuarta edición de Talentos Inclusivos, iniciativa impulsada polo CITIC en colaboración con ASPACE Coruña a favor da tecnoloxía sen barreiras.
Tras unha breve exposición das liñas de actividade do CITIC, o alumnado puido coñecer o Demostrador Tecnolóxico onde se presentaron proxectos de robótica, como o Robobo, deseñado integramente por persoal investigador do CITIC, ou o Nao, robot que conta con diversos mecanismos e sensores para realizar todo tipo de movementos e tarefas.
Posteriormente, no laboratorio de impresión 3D, explicouse o funcionamento das impresoras de extrusión de plástico, resina e fusión de po.
A visita finalizou no laboratorio de Realidade Virtual e Localización onde se mostrou, entre outros, un supermercado virtual. Neste escenario, os participantes puideron facer a compra de produtos dunha lista ou seleccionar os ingredientes adecuados para preparar unha receita de cociña. I
Durante o encontro recolléronse as opinións dos asistentes, o cal, segundo sinalaron fontes do CITIC, permitirá coñecer o interese do alumnado polas profesións no ámbito STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática).

PUBLICIDADE