O II Premio Breviter de microrrelatos convida a reflexionar na nosa identidade dixital

luns, 18 de novembro do 2024 S. P.

O IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago) convocou o II Premio Breviter de microrrelatos, que versa sobre a identidade dixital e que ten a colaboración da Consellería de Educación e Ciencia. O tema desta edición do premio é Follow me!, achegando un convite a reflexionar, dende a literatura, sobre a identidade dixital universalmente accesíbel e utilizábel con diferentes propostas.
En concreto, o IES lanza unha serie de preguntas para esperar o pulo creativo das persoas potencialmente interesadas en participar no certame: Que imaxe pretendemos proxectar na Internet? Adaptamos esta imaxe ao que se espera de nós? Que nos leva a compartir de maneira impulsiva a nosa intimidade? Somos na Rede quen non nos atrevemos a ser en persoa? Que gañamos e que perdemos neste baile de máscaras?
Segundo se explican nas bases, as obras a concurso poden ser ou ben microrrelatos literarios ou poemas de até 100 palabras, ou ben microrrelatos audiovisuais de até 60 segundos. Poden presentarse contribucións en alemán, español, francés, galego, inglés ou portugués. Pode optar ao premio calquera persoa, de calquera nacionalidade, que, o 1 de marzo de 2025, teña entre 12 e 18 anos de idade e estea a cursar estudos preuniversitarios ou de formación profesional. Cada participante pode presentar unha única obra. Será preciso cubrir un formulario en liña que acompañe a presentación de cada obra.
O prazo de presentación das obras, que se determina pola data de remisión, remata o 1 de marzo de 2025. O xurado está formado por cinco persoas nomeadas polo IES Arcebispo Xelmírez I. A presidencia e a secretaría correspóndenlle ao equipo da biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I. Os outros tres membros do xurado son persoas expertas nos ámbitos literario e audiovisual.
A decisión do xurado anúnciase na primavera de 2025, de maneira directa á persoa gañadora e, a maiores, no sitio web do IES Arcebispo Xelmírez I e no portal educativo da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Os premios consisten en:
- 500,00 euros para a obra gañadora na categoría de microrrelatos literarios ou poemas.
- 500,00 euros para a obra gañadora na categoría de microrrelatos audiovisuais.