O INCIBE achega formación en ciberseguridade en Vilagarcía
mércores, 19 de novembro do 2025
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e outros membros do Goberno local participaron na xornada inaugural sobre ciberseguridade organizada polo Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE), dependente do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.
A actividade desenvólvese estes días na praza da II República ata este sábado 22, en horario de mañá e de tarde. A intención é achegar información á cidadanía para que detecte e evite os delitos na rede, en auxe nos últimos tempos.
“Grazas a esta iniciativa, os nosos veciños e veciñas estarán máis protexidos contra as estafas e os perigos en Internet, un problema actual que pode afectar a calquera, con independencia da súa idade”, apuntou o rexedor. Ademais, Varela puxo en valor o feito de que o Ministerio decidise incluír Vilagarcía entre as súas paradas.
A campaña #ExperienciaINCIBE impártese nun camión despregable con capacidade para máis de 60 persoas. En concreto, a infraestrutura dispón de dúas grandes zonas, un área interior e unha exterior, onde se realizan actividades de concienciación, formación e lúdicas. A experiencia está aberta ao público xeral e tamén aos centros escolares. Na mañá deste martes 18 de novembro participaron o C.P.R. Plurilingüe Sagrada Familia e os usuarios do Centro de Educación Especial.
A área conta con zonas expositivas, de charlas, de contidos didácticos e tamén de xogo, onde desfrutar dun escape room co que aprender a superar riscos dixitais e desenvolver accións para evitar e xestionar ameazas.
O horario de apertura é de luns a venres de 09:00- 14:00 horas para os grupos escolares; e de 16:30-19:00 horas para todos os públicos. O sábado o acceso será de 11:00 a 15:00 horas; e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas.
