O ITG e SDLE lanzan un dron smart con capacidade de voar até nove horas

xoves, 25 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A autonomía e a capacidade de actuar intelixentemente representarán, sen dúbida, o despegue definitivo dos vehículos aéreos non tripulados, tamén coñecidos como drons. A nosa terra está a xogar un papel importante neste ámbito de traballo, e hoxe presentouse un exemplo deste labor dos nosos desenvolvedores na procura de mellorar as condicións e capacidades dos UAV. Falamos do modelo Zarek V2, un modelo de dron xa operativo que foi debullado nos seus detalles polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e a súa socia, a firma madrileña Star Defence Logistics & Engineering (SDLE). O vehículo, desenvolvido polas dúas entidades ao abeiro da unidade mixta de traballo FASTFly (Full Autonomous Systems for UAS), seguirá incorporando melloras (de maneira progresiva) até 2020.
No acto de presentación, no que participaron unhas cen persoas, interviñeron Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN); Carlos Calvo, director do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG); Eduardo Faro, director da división de UAV civís de SDLE e Analía López, directora de Sensórica e Comunicacións de ITG.
Como resultado desta alianza, xa está operativo o dron modelo Zarek V2, que será xestionado de maneira intelixente e terá unha autonomía, en palabras do ITG, “descoñecida até o de agora”. En que se traducirá isto? Pois segundo se fixo saber hoxe, en máis horas de voo, nunha transmisión moito máis completa de información e nunha meirande independencia do piloto. No acto tamén se lembrou que o proxecto ten un plan de desenvolvemento até 2020 e un orzamento de 2 millóns de euros. Conta cun equipo de traballo dunha ducia de investigadores e prevese que poida xerar cinco empregos de nova creación.
O labor de investigación e desenvolvemento que o ITG desenvolve no marco da UMI céntrase en dotar aos drons de “meirande operatividade respecto da ofrecida polas solucións comerciais actuais”. Desta maneira, o aparello poderá voar en escenarios civís onde as distancias son maiores e onde as operacións son máis complexas e/ou repetitivas.
A tecnoloxía do propio vehículo complétase coa creación de niños de recarga smart e autónoma (Dron in a Box) que lle permitirán operar en longas distancias ou durante períodos ininterrompidos 24x7, grazas á posta en xogo de puntos de aterraxe, recarga e comprobación cen por cen autónomos en diferentes emprazamentos dun percorrido específico.
O sistema incorpora tamén un sistema de telemetría innovador, que sitúa o modelo Zarek en disposición xerar datos en tempo real dunha manchea de parámetros de funcionamento, posibilitando un completo mantemento preditivo e unha mellor optimización dos custos operativos.
SDLE: desenvolvemento técnico do Zarek V2
Ao abeiro deste proxecto, SDLE encárgase do deseño, desenvolvemento técnico e construción do aparello de ala fixa (con feitura de avión) que, cun peso de 25 quilogramos, terá unha autonomía de máis de nove horas. Isto, segundo explicaron os responsábeis da empresa, será unha realidade grazas “a un sistema eléctrico de inxección e unha velocidade de cruceiro de 100 quilómetros por hora, podendo voar a altitudes maiores que os seus competidores deste segmento”.
Por outra banda, en virtude dos desenvolvementos nas comunicacións que foron incorporados nesta aeronave, poderá ser pilotada desde un centro de mando remoto ou desde unha estación de control sobre o terreo.
No acto de presentación, explicouse tamén que o Zarek V2 ten capacidade para despegar e aterrar de maneira vertical (VTOL), séndolle posíbel acceder a localizacións de difícil acceso ou orografía. “O UAV cumpre os requirimentos para operar en contornas de emerxencias, vixilancia de costas e todo tipo de misións de seguridade en espazos onde non hai infraestrutura para avións non tripulados que requiren de pista para o seu despegue e aterraxe”, engadiron SDLE e ITG.

PUBLICIDADE