O ITG inaugura un centro de experimentación avanzada en IA aplicada aos drons
martes, 21 de novembro do 2023
O Instituto
Tecnolóxico de Galicia (ITG) inaugurou
hoxe oficialmente o seu centro de experimentación avanzada en Intelixencia
Artificial (IA) aplicada á mobilidade aérea urbana, a enerxía intelixente e
a dixitalización da industria, o primeiro destas características en Europa. As
novas instalacións de ITG, denominadas Galaxy-Lab, xa están operativas e,
ademais da actividade do centro tecnolóxico nestes ámbitos, dan servizo a empresas
e entidades de investigación que precisan experimentar e testar os seus
sistemas de mobilidade aérea urbana para mercadorías ou persoas, no que é xa un
referente europeo en probas con sistemas aéreos non tripulados. Galaxy-Lab de
ITG supuxo un investimento de 1,9 millóns de euros.
O presidente de
ITG, Antonio Couceiro, e o director xeral, Carlos Calvo, recibiron esta mañá no
Galaxy-Lab a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a
subdelegada do goberno, María Rivas López; o tenente de alcaldesa e deputado
provincial José Manuel Lage Tuñas,; e o reitor da UDC, Julio Abalde, quen
puideron coñecer de primeira man as novas instalacións de ITG, situadas na
Cidade das TIC.
Esta
infraestrutura tecnolóxica, desenvolvida co apoio financeiro da Xunta de
Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e grazas á cesión dos
terreos na Cidade das TIC por parte da UDC, consta, por unha banda, dun
edificio de máis de 1.000 m2 dotado dun centro de control de voos;
unha zona de voo interior reconfigurable; un laboratorio electrónico; espazos
para montaxe, proba e verificación; taller de mecanizado; impresión 3D e
soldadura SMD e zona de deseño e desenvolvemento con postos de traballo de
oficina, salas de reunións e almacén.
Ademais, no
exterior creouse unha gran gaiola de 15m de altura e 225 m2 de
superficie cunha rede de seguridade que permite realizar probas de voo exterior
de sistemas aéreos non tripulados con maior axilidade e total seguridade. Xunto
a ela habilitouse un vertiporto para o despegamento e aterraxe vertical de
drons.
Este equipamento
de vangarda compleméntase cun centro
de operacións móbil nun vehículo adaptado coa tecnoloxía máis avanzada en
sistemas de comunicacións, navegación, vixilancia e control; sistemas que
permiten a operación remota de drons; unha estación de recarga de enerxía
específica para drons e unha estación meteorolóxica de prestacións aeronáuticas
e licenzas de servizos U-Space. Trátase dun vehículo diferencial que permite un
inmediato despregamento de todo tipo de operacións con drons en calquera
localización.
Estas
instalacións permiten aos enxeñeiros de ITG asumir de forma íntegra todas as
etapas de desenvolvemento das súas solucións tecnolóxicas no eido da mobilidade
aérea non tripulada nos ámbitos de automatización e seguridade aplicadas nas
operacións con drons en sectores; loxística; vixilancia e inspección de
infraestruturas; procura de persoas desaparecidas; ou desactivación de minas e
artefactos explosivos.
O Galaxy-Lab de
ITG acolle tamén o laboratorio de enerxía intelixente de ITG, que permite
simular o funcionamento e rendemento enerxético de calquera contorna, desde o
barrio dunha cidade a un polígono industrial ou infraestruturas como grandes
hospitais ou industrias. Trátase dunha tecnoloxía preditiva que é capaz de
anticiparse aos cambios na xeración e a demanda de enerxía e adaptar a
repartición enerxética da contorna estudada. Ademais, optimiza a utilización de
sistemas de almacenamento (baterías) e de cargas non esenciais como, por
exemplo, os vehículos eléctricos, mellorando a utilización dos devanditos
sistemas e diminuíndo o custo enerxético global.
Así mesmo, ITG
tamén desenvolve neste centro as solucións de dixitalización nas que traballa,
principalmente no sector industrial, e que están enfocadas a optimizar procesos
de control de calidade mediante visión artificial, a predición de vendas e os
roteiros loxísticos asociados ao proceso de fabricación, así como a realización
de procesos de reparación mediante realidade aumentada. Estas tecnoloxías de
intelixencia artificial tamén as aplicada ao ámbito da saúde ou os servizos.
Carlos Calvo,
director xeral de ITG, afirmou que “esta nova infraestrutura veu a incrementar
a competitividade e capacidade tecnolóxica de ITG, facendo desta forma líder a
España e a Galicia”. E é que, “en Galaxy-Lab créanse a tecnoloxía e as
capacidades de xestión que permitirán poñer a punto o escenario
técnico-regulatorio para o despregamento masivo de drons en usos profesionais e
de servizos públicos, en contornas urbanas e semi-urbanas, de forma autónoma e
integrado co espazo aéreo tradicional.”
Pola súa banda, o
presidente da Xunta indicou que “coa inauguración deste centro Galaxy Lab este
hub dixital segue a despegar cunha infraestrutura pioneira que vén consolidar a
Galicia como referente na experimentación con drons”. A este respecto, destacou
que “a comunidade conforma uns dous campos de probas de vehículos aéreos non
tripulados máis completos de Europa e que este centro que hoxe bota a andar na
Cidade das TIC contribuirá a seguir poñendo a innovación ao servizo dos avances
empresariais e sociais”.
Para María Rivas,
subdelegada do Goberno, “Galaxy Lab transpórtanos a outra dimensión. A unha
Coruña máis dixital, mellor comunicada, máis sustentable e máis inclusiva”,
ademais de poñer en valor que, “con estes proxectos, o Goberno tamén pensa nas pemes
e nos autónomos na súa transición cara ou mundo dixital. Así recordou que nese
obxectivo “ITG e o Goberno van da man a través da Oficina Acelera Pyme, onde
poden coñecer as posibilidades que lles ofrecen tecnoloxías disruptivas como a
Intelixencia Artificial, o Big Data ou o Blockchain”.
José Manuel Lage
Tuñas, primeiro tenente de alcaldesa e deputado provincial da Coruña, sinalou
que “a apertura deste espazo constitúe unha proba máis de que aquel modelo que
a nosa alcaldesa, Inés Rey, puxo en marcha non ano 2019 ten futuro e, ao mesmo
tempo, é xa o presente. Unha aposta pola vangarda da cidade que supón tamén
unha aposta por Galicia”.
Julio Abalde,
reitor da Universidade da Coruña afirmou que “Galaxy-Lab é unha mostra do éxito
do quebracabezas de colaboración entre distintas administracións e empresas, da
colaboración público-privada. A UDC ten a vontade de seguir co traballo
conxunto co obxectivo de que a nosa comunidade sexa competitiva; desde a Cidade
das TIC seguiremos traballando para que este proxecto ilusionante e de futuro
sexa posible”.
Espazos versátiles para facer probas sobre o terreo
As
características do Galaxy-Lab de ITG permiten o despregamento de sistemas e
servizos U-Space para probar en voo drons nun escenario urbano e suburbano
realista, onde se poden probar efectos como a perda de sinal GPS en espazos
estreitos urbanos ou a perda de ligazón de comunicacións; o axuste de sistemas
de xeoposicionamento, navegación e comunicacións (con presenza de edificios e
outros obstáculos urbanos); a coordinación co espazo aéreo controlado real; o
axuste de sistemas de detección de drons; probas de servizos utilizando
infraestrutura urbana real, tráfico real, simulado e unha combinación de ambos
con escenarios U‐Space, transporte de persoas e mercadorías, tráfico denso e variado;
simulacros e adestramentos nunha contorna real; así como demostracións comerciais (lanzamentos de produtos e
solucións, resultados de proxectos de I+D, etc.).
Deste xeito, as
instalacións de ITG resultan de especial interese para aqueles operadores
(empresas, centros tecnolóxicos ou universidades) que precisan realizar ensaios
cos seus produtos de I+D ou ben para casos de uso previo a ser certificados ou
operados de forma comercial. En particular, este laboratorio avanzado de ITG
permite facer ensaios temperáns, ou nas primeiras fases de desenvolvemento dun
produto de I+D, favorecendo a redución dos tempos de desenvolvemento da I+D no
ámbito dos vehículos aéreos non tripulados.
- Julio Abalde salientou que o Galaxy-Lab é unha mostra do éxito da colaboración entre administracións e empresas