O Instituto da Lingua Galega celebrou o seu 50 aniversario con homenaxes e premios á creatividade audiovisual
luns, 25 de outubro do 2021- De esquerda a dereita, Valentín García, Manuel González, Xosé Luís Regueira, Rosario Álvarez, Antonio López, Francisco Fernández e Elías J. Feijó. FOTO: Santi Alvite
O 22
de outubro celebrouse a clausura das actividades de conmemoración do
50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de
Santiago. As actividades pecharon cun acto dual que comezou coa
entrega dos premios Móvete e que incluíu unha homenaxe a tres
dos investigadores fundacionais do instituto: Rosario Álvarez
Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Na
cita (celebrada na Facultade de Filoloxía) participaron (entre
outros) o reitor da USC, Antonio López, o director do ILG, Xosé
Luís Regueira, e o secretario xeral de Política Lingüística,
Valentín García, quen destacou a creatividade dos centros
educativos e da mocidade participante nos premios Móvete,
co-impulsados dende o seu departamento. Segundo fixo saber, os vídeos
gañadores son unha mostra “de que esta é unha xeración que
promove o galego porque se move e se conmove con el”.
García
tamén lle deu os parabéns ao ILG por centrar parte da celebración
do seu 50 aniversario na mocidade, “semente e futuro da lingua que
lle dá sentido a este instituto de investigación”. Ademais, o
secretario xeral quixo facer mención aos tres lingüistas a quen se
lles rendía homenaxe, “de quen fun alumno”, como lembrou. “Eles
percorreron Galicia en condicións hoxe difíciles de imaxinar para
recoller os datos que serían a base do impresionante Atlas
Lingüístico Galego, pero tamén de propostas normativas, de
dicionarios e gramáticas e de moita investigación posterior”,
engadiu.
Concurso
de vídeo Móvete
Como
parte das actividades de conmemoración dos 50 anos do ILG, o
instituto convocou a pasada primavera, en colaboración coa Xunta de
Galicia e de Gadis, o concurso de vídeos Móvete para alumnado de
ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Un concurso ao que se
presentaron un total de 38 vídeos e cuxos gañadores foron
anunciados o día 22 nun acto conducido pola xornalista Ester
Estévez, presentadora do #DígochoEu, e amenizado pola
actuación musical de Pauliña.
Para
cada modalidade (individual e en grupo) e tema (Móvete co galego,
Conmóvete co galego e Promove o galego), o xurado
elixiu un gañador. Na categoría individual, os gañadores para cada
temática foron Sete cunchas de galego, de Lucía Argüelles
Valverde; Terra sachada que se levou o vento, de Miguel Casal
Fernández, e Herdanza, de Xoel Otero Nogueira. Pola súa
banda, na categoría grupal os elixidos foron Nós, movémonos co
galego... E ti?, do Colexio Manuel Peleteiro; España gaña
Eurovisión cunha canción en galego, do Colexio Monterrey de
Vigo, e Falar, do Colexio Bilingüe Marcote, de
Mondariz-Balneario. O premio para cada vencedor, concedido pola
Consellería de Cultura, Educación e Universidade, foi un teléfono
móbil para os participantes individuais e unha cámara dixital para
os grupais.
Ademais,
a Secretaría Xeral de Política Lingüística concedeu aos restantes
finalistas un reloxo intelixente e un lote de libros para os colexios
que participaron de forman grupal. O vídeo con máis interaccións
en Twitter, Instagram e Youtube, Aprendendo con Vicente Risco,
de Xavier González Freire, recibiu como agasallo unha tableta.
Clausura
e homenaxe
A
xornada rematou cunha cerimonia de clausura e homenaxe académica a
tres investigadores fundacionais do ILG que foron, e seguen a ser, un
piar fundamental para a lingua galega desde as institucións que
presiden ou das que forman parte: Rosario Álvarez Blanco, Francisco
Fernández Rei e Manuel González González, actual coordinador
científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en
Humanidades.