O Ludus Gaming Festival converterá Lugo en capital galega e estatal dos videoxogos
luns, 25 de marzo do 2019
Quen
queira videoxogos, empregalos, desfrutalos, falar deles ou mesmo
crealos, vai ter unha boa oportunidade para facer todo isto esta fin
de semana, en Lugo, grazas ao encontro Ludus Gaming Festival, en
palabras do Concello e Ebone, organizadores do evento, cita indispensábel para
os seareiros das aventuras gráficas, das consolas e do lecer dixital
en calquera das súas manifestacións. Ludus Gaming Festival
celebrarase na Casa do Deporte o venres, 29 de marzo, de 17:00 a
22:00 horas, o sábado 30 de marzo, de 11:00 a 22:00 horas e o
domingo, 31, de 11:00 a 20:00 horas.
A
cita está enmarcada na programación do Concello para potenciar as
novas tecnoloxías e achegar á veciñanza ao mundo dixital, e está
aberto tanto á mocidade como a público familiar que queira gozar co
lecer dixital.
A
cita foi presentada a semana pasada pola edil de Concello e
Cidadanía, Rosana Rielo, quen fixo fincapé en que se trata
dunha xuntanza de balde e que un dos seus obxectivos fundamentais é
poñer o foco (e salientar) o papel educativo, desenvolvedor e
enriquecedor do videoxogo, que é algo máis que unha actividade
lúdica, posto que formarnos neste eido (como programadores,
deseñadores, artistas, guionistas, etc) introdúcenos en contornas
de traballo moi innovadoras e ábrenos grandes oportunidades
profesionais e de emprendemento. A isto cómpre engadir o potencial
dos videoxogos e das súas metodoloxías como instrumentos de
utilidade para todo tipo de contribucións formativas e de ensino: o
que se coñece como gamificación.
O
Concello prevé, esta fin de semana, a participación de internautas
e video-xogadoras/es procedentes de toda España, uns 5.000
asistentes a este festival.
En
termos máis concretos, a cita contará con tres grandes áreas. Por
unha banda, unha área formativa e lúdica, que busca poñer a
disposición da veciñanza “unha serie de propostas formativas que
permitan o acceso ao coñecemento de novas tecnoloxías dende unha
perspectiva teórica-práctica, que satisfaga ademais o desexo de
aprender e facilite a oportunidade de experimentar e probar in situ
os elementos que compoñen unha aproximación á tecnoloxía e aos
xogos”. A segunda área é a divulgativa, técnica e de
demostración, que ten o obxectivo de fornecer ao público de datos
relevantes sobre tendencias, produtos e recursos da tecnoloxía. A
maiores, activarase un espazo libre (free zone) que
configurará un emprazamento específico para o xogo de balde.
Estas
son as oito zonas nas que se artellan as tres devanditas áreas: zona
torneos (con catro torneos e co obxectivo de que participen até
1.500 xogadores e xogadoras), zona obradoiros (acollendo un taller de
programación e de voo de drons e un obradoiro de robótica), zona
free play (con máis de 20 postos de xogo para distintas
videoconsolas: PS4, Xbox One ou Nintendo Wii), zona retro arcade
(configurada en modo de
xogo libre, asistida por monitores que orientarán aos asistentes, e
contando con ata 6 postos retro con máis de 1.500 videoxogos
arcade vintage), zona simulador e VR (onde o público poderá
gozar de experiencias racing car con ata 4 simuladores e xogos
de realidade virtual aumentada con outras 4 simuladores de realidade
virtual), zona animación, zona filmoteca-visualización
(organizarase nas xornadas de venres e sábado sesións-marathon
nas que se poderán ver diferentes contidos audiovisuais relacionados
con StarWars, Marvel ou Hero) e zona mainstage (un
escenario acompañado dunha pantalla LED onde terán lugar algunhas
das accións descritas anteriormente).
Asemade,
haberá un área Food & Truck no exterior do pavillón
(con servizo de comida) e unha ocioteca.
Respecto
do programa, contará coa presenza de referenciais youtubers
e videogamers. En concreto, formarán parte do evento ZormAn,
con máis de 1,4 millóns de subscritores na súa canle, Álex
Alguacil, campión do mundo de PES e Aidy García Cortés, que conta
con máis de 19.000 seareiros en Twitter e é xogador do club Giants
Gaming.