O Machine Learning Workshop centrarase en levar tecnoloxías intelixentes á nosa industria
venres, 15 de setembro do 2017
Esta tempada verán-outono está a ser, sen
dúbida, unha tempada sobre intelixencia artificial. Se hai uns días
falamos da décima edición do Congreso
Internacional INLG (organizada polo CiTIUS en Compostela co
obxectivo de mostrar
os principais achados actuais no relativo á capacidade de facer
intelixíbel a gran cantidade de datos numéricos e científicos que
manexan), agora é a quenda de irnos preparando para o que será
outro dos grandes eventos tecnolóxicos da tempada, a nova edición
do Machine Learning Workshop Galicia,
un encontro dirixido a avaliar o estado de saúde (o nivel de
desenvolvemento presente e futuro) das máquinas “pensantes”, co
fin de estudar a súa aplicabilidade en múltiples ámbitos
produtivos.
O workshop, previsto para o 19 de outubro,
virá novamente da man do CiTIUS. Segundo nos conta o centro da USC,
a comunidade investigadora ten até o día 25 deste mes para enviar
propostas e traballos. O MLWG parte dos mellores precedentes: o ano
pasado acolleu dúas ducias de relatorios e máis de 100
participantes.
Os temas a tratar serán moitos e variados
(aprendizaxe de máquinas, Deep Learning, información a gran escala
ou Big Data) pero xirarán todos eles arredor do estado de
cousas da tecnoloxía intelixente, ou sexa, tecnoloxías con
capacidade de avaliar grandes cantidades de información e tomar as
mellores decisións ao respecto en base a algoritmos avanzados. Do
que se trata en boa medida, segundo nos conta o CiTIUS, é de
visualizar no mercado o que até agora ficaba en parte invisíbel,
pechado nos espazos de investigación dos diferentes grupos de
traballo pero cun amplo potencial a nivel social, científico e
empresarial.
Segundo nos conta o CiTIUS nun plano máis
concreto, nesta edición “daráselles prioridade aos traballos que
mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning a
casos de uso reais co fin de visualizar perante a industria o
potencial destas tecnoloxías”. Tamén se valorarán os traballos
que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real
por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun
potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico ou
industrial.
Apoios e obxectivos ao detalle
O evento contará co apoio do CESGA (Centro de
Supercomputación de Galicia), o CITIC (Centro de Investigación TIC
da UDC) e AtlantTIC (Universidade de Vigo). Diríxese como dixemos a
avaliar e mostrar a ampla gama de recursos e aplicacións que poñen
en xogo as tecnoloxías ML. Recursos e aplicacións xa coñecidos (e
outros por coñecer) como sistemas de procura, análise de textos,
análises de redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras,
procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos
médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na
industria, aplicacións de analítica para a intelixencia de negocio,
e “un larguísimo etcétera”, en palabras da organización, que
quere achegar unha visión total e certeira das potencialidades de
todos estes recursos e das materias pendentes nos mesmos e nos que
están aínda por vir. Segundo engaden os impulsores da xornada de
traballo, “malia todos os beneficios achegados polo ML á sociedade
e á industria, o seu potencial máximo está aínda por explotar,
polo que existe un futuro cheo de novos retos e oportunidades”.
Comité científico:
Ricardo Cao
(CITIC-UDC, ITMATI)
Milagros
Fernández Gavilanes (AtlantTIC - UVIGO)
David Mera Pérez
(CiTIUS-USC)
Andrés Gómez
Tato (CESGA)
Félix Díaz Hermida (CiTIUS-USC)