O Congreso INLG de Santiago impulsa a capacidade de comunicación das máquinas
mércores, 6 de setembro do 2017
Esta
semana estase a desenvolver en Santiago (até este 7 de setembro) o
que está considerado o congreso mundial de maior relevancia en
materia de linguaxe natural e intelixencia artificial. A cita é na
Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), da
man do centro CiTIUS, da Universidade de Santiago. Trátase da décima
edición do Congreso
Internacional INLG (International Natural Language Generation),
que se celebra por primeira vez en
territorio español. O
evento foi inaugurado onte no salón de actos da ETSE polo
reitor Juan Viaño. Na xornada de
apertura tamén interviñeron Ángel
Morales, da Association of Computational Linguistics e do Special
Interesy Group on Natural Language Generation (SIGGEN); Ehud Reiter,
do comité organizador; e o director do CiTIUS, Paulo Félix Lamas,
entre outros.
Como
sinalamos onte, no congreso participan representantes de
compañías sobranceiras como Microsoft, eBay ou IBM e máis de 100
expertos de 20 países e catro continentes (América, África, Asia,
e Europa). O evento, nun plano máis concreto,
xira arredor dun aspecto concreto da intelixencia artificial que xa é
unha realidade constatada: a capacidade das máquinas para
comunicarse de maneira perfectamente comprensíbel a través das
linguaxes oral e escrita.
Como
dixemos, a organización da edición galega do evento corre a
conta do CiTIUS, que con esta nova cita promovida polo Grupo de
Sistemas Intelixentes culmina unha tempada estival ateigada de
encontros científicos referenciais, incluíndo duas
escolas de verán en Intelixencia Artificial e o Congreso
Internacional Euro-Par
2017, referente europeo en computación paralela e distribuída.
Respecto do programa, entre os asistentes ao congreso atópase o
investigador
postdoutoral
do CiTIUS Alejandro
Ramos, recoñecido polo seu traballo ao
abeiro de GALiWeather
con distintos premios a nivel nacional e internacional, entre os que
destaca o Premio
de investigación 2017 da Sociedade Científica Informática de
España (SCIE) - Fundación BBVA. Ramos,
que intervirá este
mércores 6 de setembro
a primeira hora da tarde, é o responsábel dun programa avanzado
(GALiWeather) que, entre outras cousas, foi quen de traducir a
linguaxe humana un ensarillado de datos numéricos climáticos só
xestionábeis eficazmente por potentes máquinas de cómputo. Este é
o alicerce das predicións do tempo que fai MeteoGalicia.
Segundo
teñen sinalado o CiTIUS e máis o devandito investigador, a
linguaxe natural constitúe un “mercado emerxente que move millóns
de euros”, o que nos dá unha idea da importancia do congreso que
se está a celebrar en Compostela, no que boa parte do seu centenar
de expertos enfróntase arestora ao reto de complementar as
informacións que nos traducen as máquinas cun fondo afectivo que
impulse e amplíe o coñecemento fornecido.
Amais de Ramos,
participan no evento unha manchea de referencias investigadores da
linguaxe natural, como o profesor Ehud
Reiter, catedrático de Lingüística Computacional na
Universidade de Aberdeen (Escocia) e pioneiro en NLG. Reiter é tamén
fundador dunha das principais empresas na área, a compañía ARRIA
NLG, unha das patrocinadoras da presente edición
xunto coa compañía de mercadotecnia por correo electrónico Phrasee
e a consultora multinacional Accenture.
Ademais, o congreso
conta tamén coa presenza de dous relatores convidados, por unha
banda Frank
Schilder, de Thomson Reuters, e, pola outra, Gemma
Boleda (Universidade Pompeu Fabra), unha nova investigadora do
programa Ramón y Cajal que segundo informa o CiTIUS atesoura xa “un
prometedor currículo”, e á que o Consello Europeo de
Investigación vén de conceder unha das prestixiosas axudas ERC
Starting Grant
para consolidar o seu traballo.
Entre
o resto dos asistentes o CiTIUS tamén
salienta á investigadora Claire
Gardent, presidenta de SIGGEN
(o grupo de interés que auspicia o congreso) e membro do CNRS
(Centro
Nacional en Francia para a Investigación Científica,
polas súas siglas en francés).