O Messenger de Facebook para Android muda para competir directamente con WhatsApp

martes, 4 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Tras escoitar rumores sobre a posible compra de WhatsApp por parte de Facebook chéganos agora a nova de que a aplicación de mensaxería instantánea de Facebook para Android vén de actualizarse para whatsappearse, pois agora permite a creación dunha conta de Messenger só con introducir o nome e o número de teléfono para poder así comezar a intercambiar mensaxes co resto de contactos introducidos no móbil, ou sexa, sen ter que empregar unha conta de Facebook, como fan outras aplicacións de mensaxería centradas no móbil.
A aplicación continúa a poder empregarse de xeito tradicional, enviando mensaxes, establecendo conversas en grupo, facilitando a comunicación con usuarios que estean no móbil ou no PC e mesmo facilitando información sobre a nosa localización aos nosos amigos, pero o feito de que busque permitir o seu uso no móbil de xeito independente ás contas de Facebook podería ser indicativo de que o compromiso da compañía de Mark Zuckerberg polo móbil está a ser maior do que poderían pensarse ata o momento, dando incluso máis credibilidade aos rumores de negociacións de compra de WhatsApp.

PUBLICIDADE