O Metro de Bilbao avaliou a calidade das súas comunicacións sen fíos con tecnoloxía do CITIC

venres, 22 de xaneiro do 2021 Redacción

O Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC, informou de que o pasado 15 de decembro foi probada no Metro de Bilbao a ferramenta de validación da interface radio do sistema de comunicacións sen fíos cos trens subterráneos desenvolvida polo centro coruñés no marco do proxecto INRA-CBTC para a empresa CAF Signalling S.L.
O proxecto INRA-CBTC (Interface radio para soporte de sistema CBTC – Communications-Based Train Control), cuxo investigador principal é Luis Castedo Ribas, ten como obxectivo o desenvolvemento dun conxunto de ferramentas para a validación dunha rede LTE especificamente adaptada á contorna ferroviario. “As actividades destacan polo seu alto nivel de innovación debido á ausencia de ferramentas de validación que soporten as características específicas das contornas ferroviarios”, explica o CITIC, engadindo que a experiencia do día 15 no Metro Bilbao incluíu 9 probas diferentes. A través delas, a ferramenta mediu con precisión parámetros de transmisión bidireccional que permitiron avaliar a calidade do funcionamento da interface radio.
Segundo engadiron fontes do CITIC, “coñecer a devandita calidade é esencial para o correcto funcionamento do sistema de control CBTC que se implementa sobre a interface radio e que permanentemente monitoriza a circulación dos trens no metro vixiando que se cumpran todas as normas que garanten a súa seguridade”.
Tralo éxito das probas, o proxecto entrou na súa última fase de evolución da ferramenta de validación, a cal se prevé finalizar en xuño de 2021.

PUBLICIDADE