O Ministerio de Sanidade e a USC impulsan a 1ª microcredencial universitaria sobre IA aplicada á saúde

martes, 19 de maio do 2026 S. P.

O Ministerio de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela, a través da cátedra USC Plexus de IA en Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA), impulsa a Microcredencial Universitaria en Intelixencia artificial aplicada á Saúde: fundamentos, regulación e casos de uso no Sistema Nacional de Saúde, unha iniciativa orientada a fortalecer as capacidades do ecosistema sanitario no ámbito da IA.
As ditas entidades informan que tras o interese suscitado por esta primeira convocatoria, está prevista unha segunda edición da microcredencial en outubro de 2026. “A Estratexia de Intelixencia artificial do SNS identifica a formación e a capacitación como un elemento clave para a incorporación cohesionada e equitativa das solucións de IA ao sistema público”, sinala a directora xeral de Saúde Dixital e Sistemas de Información para o SNS, do Ministerio de Sanidade.
“A medicina estará cada vez máis apoiada pola intelixencia artificial, pero non será mellor se os profesionais sanitarios non están preparados para usala”, destaca o director da Cátedra, Senén Barro.
Pola súa banda, Antonio Agrasar, director executivo (CEO) de Plexus Tech, explica que “o reto non é só desenvolver tecnoloxía, senón lograr que se utilice con coñecemento e criterio. Esta microcredencial é un paso fundamental para achegar a intelixencia artificial á práctica sanitaria”.
Engaden que o programa aborda desde “unha perspectiva práctica e aplicada” aspectos clave relacionados coa adquisición e o uso da intelixencia artificial no sistema público de saúde, incluíndo casos de uso reais, experiencias de desenvolvemento propio nos servizos de saúde, modelos de gobernanza da IA no Sistema Nacional de Saúde e cuestións regulamentarias, éticas e de despregamento.
O perfil de asistentes é principalmente de responsables e persoal de xestión, facultativos e especialistas en transformación dixital do ámbito sanitario público.
Esta microcredencial conta coa participación de profesorado e relatores procedentes de distintas institucións e organizacións de referencia, entre elas responsables do ámbito de saúde dixital do Ministerio de Sanidade a USC, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), o Centro Nacional de Certificación de Produtos Sanitarios (CNCps), e profesionais con experiencia práctica en despregamento e gobernanza de IA aplicada á saúde.
Con esta iniciativa, a Cátedra CAMELIA quere reforzar o seu compromiso “coa xeración de coñecemento, a capacitación especializada e o impulso dunha adopción consciente, segura e útil da intelixencia artificial no ámbito sanitario”.