O Mobile World Congress establece máis restricións para mitigar a fuxida de asistentes

luns, 10 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Pese ás medidas anunciadas pola organización do Mobile World Congress de Barcelona para protexer aos asistentes ante a ameaza da epidemia do coronavirus de Wuhan, hai compañías que están a anunciar que non acudirán ao evento máis relevante do sector a nivel mundial, e aínda que a ausencia de LG tivese pouca importancia (por ser unha compañía que ten pouca relevancia no sector actualmente), que se sumen outras compañías pode crear certa desconfianza, de aí que a GSMA decidise reforzar aínda máis as medidas antes adoptadas, e veña de anunciar que non permitirá a asistencia ao MWC de viaxeiros que veñan da provincia de Hubei, que todos os viaxeiros que estivesen en China demostren que levan máis de 14 días fóra de tal país, os asistentes terán que certificar que non estiveron en contacto con ningún infectado e incluso establecerán medidas de medición da temperatura corporal no recinto.
Estas fortes restricións chegan despois de que nVIDIA, Sony e Amazon asegurasen que non acudirán a Barcelona por seguridade, aínda que cómpre salientar que non son compañías especialmente relevantes no sector móbil ou, cando menos, que estivese previsto que realizasen grandes anuncios durante o MWC.
Aínda que nVIDIA ten desenvolvementos en intelixencia artificial, redes móbiles virtualizadas e 5G, o MWC non é o foro que emprega habitualmente para amosar as súas innovacións ao mundo (tende a facelo en feiras de videoxogos e encontros como a feira IFA de Berlín); e que Amazon non vaia estar presente no MWC tampouco é algo que pareza traumático, xa que a compañía de Jeff Bezos non emprega a feira como plataforma para os seus grandes anuncios, senón como un escaparate para a comercialización dos seus servizos de computación na nube (AWS). Pero o caso de Sony resulta máis rechamante, xa que a compañía, que actualmente ten unha cota do mercado de smartphones insignificante, tendía a presentar en Barcelona os seus móbiles insignia (pese que tardasen meses en chegar ao mercado e contasen cunha distribución moi cativa, como aconteceu o ano pasado co Xperia 1). Como alternativa, Sony asegura que vai empregar a súa canle de YouTube para realizar os anuncios que tiña programados para o Mobile World Congress.
Outra compañía moi ligada a Sony no pasado, Ericsson, tamén anunciou que non asistirá ao evento de Barcelona.

PUBLICIDADE