O Palacete das Mendoza convértese na oficina máis dixital de Turismo Rías Baixas

venres, 23 de decembro do 2022 S. P.

O Palacete das Mendoza (Pontevedra), sede de Turismo Rías Baixas, estreou esta semana a súa remodelada e innovadora nova faciana, froito dun intenso traballo de accesibilidade e transformación dixital acometidas nos últimos meses pola Deputación de Pontevedra. En concreto, no lavado de cara do pazo empregáronse tecnoloxías punteiras como Realidade Virtual, hologramas ou unha sala inmersiva abeirada ao programa de transformación turística provincial Tourist Inside. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo un percorrido por todas as novidades do Palacete das Mendoza tralas devanditas obras, valoradas en arredor de 350.000 euros.
A presidenta provincial asegurou que “o novo Palacete das Mendoza vai sorprender moito”, xa que agora “deixa de ser un espazo onde a xente vén buscar información turística para ser unha vivencia, unha experiencia na que a xente se vai mergullar na nosa historia e o noso patrimonio”. Silva engadiu que a través desta nova experiencia dixital “as irmás Mendoza reviven e ímolas poder ver tal como eran, cos seus traxes e interactuando coa xente”, o que permite “recuperar o noso patrimonio, unha historia viva para volver ao pasado e coñecer historias das irmás Mendoza, desta cidade e da súa relación con outros lugares”.
Carmela Silva lembrou que este proxecto de transformación foi concibido “como unha experiencia inmersiva dividida en catro zonas: un xardín, unha sala inmersiva, un espazo de realidade virtual e un espazo holográfico”, é dicir, “está dotado de todas as últimas tecnoloxías, con elementos audiovisuais que permitan ata crear rutas que a xente vai ter no seu móbil, é dicir, un cambio transcendental”.
O xardín do inmóbel, logo das melloras realizadas, constitúe espazo tematizado que recrea os xardíns do Palacete durante a vida das irmás Mendoza, con mobiliario, elementos de información (pantallas e soportes de pantalla táctil) e un sistema de aromaterapia “para vivir sensacións”, asegurou a presidenta provincial.
Pola súa banda, a sala inmersiva 270º, situada ao fondo tralo mostrador, é unha área de proxeccións onde se mostran contidos envolventes. Está totalmente tematizada na época na que viviron as irmás Mendoza (co emprego de vinilos, lámpada de época e estores automáticos) e dispón dun grande equipamento tecnolóxico con máis de 33 m2 de pantallas de proxección.
Na ala esquerda do palacete atópase o espazo de Realidade Virtual 360º, no que as persoas visitantes pódense mergullar en 7 salas que recrean os salóns das irmás Mendoza a finais do século XIX empregando gafas de RV controladas por joysticks. O espazo tamén está tematizado fisicamente con mobiliario ambientado na época.
O cuarto espazo é unha estancia holográfica na que un equipo de holografía amosa unha gravación que recrea as irmás como donas do Palacete en distintos contextos da súa vida.
Ademais. o proxecto Tourist Inside tamén incluíu a dotación de numerosos elementos tecnolóxicos para facilitar unha información flexíbel e adaptada ás persoas usuarias no Palacete das Mendoza. Salienta a mesa interactiva, con pantalla de 65 polgadas, multitáctil e a proba de golpes de derrame de líquidos, con deseño accesíbel. A través dun mapa interactivo, as persoas visitantes poden gardar recursos turísticos e a mesa crea automaticamente unha ruta que poderán enviar ao seu correo electrónico. Tamén foi habilitado un videowall, no fondo do espazo central, a modo de grande escaparate virtual da provincia. Está configurado con 16 monitores multipantalla, de 55 polgadas cada un. Amais, traballouse no portal web e nunha aplicación móbil e instaláronse dúas tabletas con soporte de pé nas que se recollerá o retorno da experiencia con enquisas de satisfacción.

PUBLICIDADE