O Parlamento Europeo reforma a Directiva do Copyright pese á oposición da sociedade e da industria tecnolóxica

martes, 26 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Imaxe da sesión na que se propuxo a última redacción da Directiva do Copyright (Parlamento Europeo)

Tras varios meses de conflito, cunha forte oposición por parte de grupos cidadáns e de empresas tecnolóxicas, o Parlamento Europeo votou a favor a nova Directiva do Copyright asegurando que o novo texto «asegura o correcto equilibrio entre os intereses de todos os xogadores (usuarios, creadores, autores, prensa) mentres instaura obrigas proporcionais ás plataformas en liña».
Dende o Parlamento Europeo insisten que o novo texto mantén as proteccións aos dereitos de cita, crítica, análise e parodia; aseguran que amplían o uso de contidos en liña para museos, bibliotecas, escolas, universidades e organismos de investigación; e insisten en que a Directiva mellorará a posición dos creadores de contidos, pese a que a lectura do texto aprobado leva a entender xusto o contrario.

Imaxe da votación desta mañá (Parlamento Europeo)

Tras a aprobación da Directiva por parte do Parlamento Europeo, que terá que formalizar a súa aprobación por parte do Consello da Unión Europea nas vindeiras semanas, abrirase un prazo de 24 meses para que cada Estado membro transpoña a Directiva á súa lexislación local, ou sexa, que o texto aprobado podería non ser efectivo até 2021.
A aprobación do texto, incluíndo os polémicos artigos 11 e 13, fan que os críticos consideren que estamos ante «un día escuro para a liberdade na Internet». Cómpre salientar que a emenda para a eliminación do artigo 13 (o que esixe filtros previos para o control dos contidos compartidos en liña) aprobouse cunha maioría de só 5 votos, de xeito que unha medida que pode ter un impacto inmenso no acceso aos contidos dixitais por parte dos europeos entrará en vigor pese a ter unha grande oposición.

PUBLICIDADE