O Parlamento Europeo rexeita polo momento a proposta de reforma da lexislación sobre copyright

xoves, 5 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Imaxe da rolda de prensa na que se daba onte conta do debate parlamentario sobre copyright

Finalmente o pleno do Parlamento Europeo que decidía a proposta da Comisión de Asuntos Legais que incluía os polémicos artigos sobre a reforma do copyright no seo da Unión Europa votou en contra, de xeito que 318 parlamentarios rexeitaron as medidas propostas fronte a 278 que as apoiaban e 31 que se abstiveron. En consecuencia, a posición do Parlamento Europeo terá que debaterse, emendarse e votarse durante a vindeira sesión plenaria no mes de setembro.

Axel Voss é un dos promotores da polémica reforma lexislativa

Tras a votación, o parlamentario alemán Axel Voss, amosou o seu pesar ante o rexeitamento da proposta que defendía, destacando que en setembro procurarán retomar o tema e dilucidar as preocupacións existentes sobre as medidas que buscan adaptar a lexislación sobre dereitos de autor ao contorno dixital actual.
Aínda é moi apresurado asegurar se os polémicos artigos 11 e 13 da proposta lexislativa van seguir adiante, de xeito que o único que pode asegurarse certamente é que o debate queda adiado ao mes de setembro, cando é de esperar que tamén se reactiven as mobilizacións cidadáns en protesta do que moitos consideran que é unha seria ameaza para a Internet tal e como a coñecemos.

PUBLICIDADE