Cara a finais da semana que vén, o 25 e 26 de setembro, terá lugar na pontevedresa Praza de España o Pont-Up Store 2015, o encontro do emprendemento no que os impulsores e impulsoras de 44 proxectos empresariais darán a coñecer as súas ideas de negocio. Esta feira verase precedida, entre o martes 22 e o propio venres 25, polas Xornadas do Emprendemento, un ciclo de conferencias e coloquios que reunirá a preto de 60 relatores e relatoras e achegará ás diferentes facultades e escolas do Campus a experiencia empresarial de egresados e egresadas.
O encontro, organizado pola Universidade de Vigo coa Concellería de Promoción Económica como patrocinador principal, contará cun total de 44 proxectos innovadores que foron seleccionados de entre un total de 125 candidaturas.
O Pont-Up Store deste ano concentrarase na Praza de España, onde empresas de sectores como o deseño de moda, as novas tecnoloxías da información, o deseño gráfico, a alimentación, a educación ou o lecer, presentarán os seus proxectos nas casetas gratuítas ás que podía optar calquera empresa con menos de tres anos e medio de existencia. A estes espazos súmanse ademais dúas novas vías de participación, os chamados 10 minutos de gloria, que permiten presentar o proxecto na zona networking da feira, e a posibilidade de “actividades de dinamización” no propio recinto.
Trala súa inauguración, o venres 25 ás 11.30 horas, a feira abrirase cun relatorio de Luis Taboada, CEO de Qubitia, unha empresa creada por ex-alumnos da Universidade de Vigo, precisamente, e clausurarase o sábado ás 20.30 horas coa entrega de premios aos mellores proxectos do encontro.
No marco destas xornadas, as diferentes facultades e escolas acollerán unha serie de coloquios titulados Ti tamén podes emprender, que teñen por obxecto “animar aos estudantes a pensar nunha vía de emprego como é o emprendemento”, segundo informa a organización. A estes coloquios súmanse ademais outra serie de actividades na Casa das Campás, onde se abranguerán cuestións como “o papel dos medios sociais ou o emprendemento en feminino”, nunhas actividades máis encamiñadas xa a un público xeral e que, ao igual que o resto do programa, “estarán abertas a toda a cidadanía”.
Asemade, o programa complétase coas actividades organizadas pola federación de cooperativas Sinerxia, a Asociación de Empresarios Novos de Pontevedra ou a Cámara de Comercio, así como co xogo de creación de empresas da Rede Eusumo, que a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta desenvolverá o mércores 23 na Casa das Campás. Por último, as Xornadas do Emprendemento clausuraranse o venres 25 ás 20.30 horas na Casa da Luz coas FuckUp Nights, unha actividade organizada polo Concello e presentada como unha sorte de “terapia de grupo comunicacional que busca a posta en común dos fracasos individuais e colectivos nos negocios”.
O Pont-Up Store amosará o noso empuxe emprendedor en Pontevedra
Compartir Este Artigo

