O Portal Abert@s incorpora información sobre a contratación pública de Galicia

luns, 25 de xuño do 2012 Redacción

Os datos recollidos na Plataforma de Contratación Pública de Galicia están dispoñibles desde esta semana no Portal Abert@s da Xunta. Así as empresas e cidadáns que o desexen poden acceder a esta información en formatos abertos, o que lles permite reutilizalos e crear posibles aplicacións e prestacións.
Esta é a ultima incorporación a esta iniciativa Open Data da Xunta, que se puxo en marcha en marzo para facilitar o acceso á información xerada pola Administración para a súa reutilización.
Nas últimas semanas publicáronse en Abert@s outros conxuntos de datos como os Mapas de delimitación oficial do Camiño Francés, que ofrecen documentación gráfica desta parte do camiño. Está dispoñible en arquivos en formato KML que, unha vez descargados, permiten a súa visualización e o intercambio de información xeográfica.
Tamén se incorporou á Abert@s a predición marítima para portos e confrarías de Galicia con información sobre o estado do ceo, a forza e a velocidade do vento, temperatura, altura, dirección do mar, temperatura da auga e período da onda. Poden consultarse tanto os datos da xornada en curso como a predición para as dous días seguintes, cunha frecuencia de actualización de 2 veces ao día.
Xa se poden consultar tamén os datos do horario no que se produce o orto e o ocaso -comezo e fin do día- nas cidades galegas e nos portos da Coruña, Vigo, Vilagarcía, Ferrol Ría de Foz, Corcubión, Ría de Camariñas, Ría de Corme, A Guarda, Ribeira, Muros e Pontevedra.
Mapa dos servizos sanitarios de Galicia
Outra das novidades de Abert@s é o Mapa de distribución dos servizos sanitarios que ofrece o Sistema Público de Saúde de Galicia. Inclúe todos os datos de localización, contacto e coordenadas das farmacias, centros de saúde, hospitais e centros de especialidade. Está dispoñible en formato KML.

Iniciativa premiada

Experiencias é o espazo do portal Abert@s no se presentan algúns exemplos de utilidades que xa foron desenvolvidas a partir da reutilización de información xerada pola Administración galega. Unha estas aplicacións, Galitempo, resultou gañadora do I Premio Open Data convocado polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.