Galitempo e Datos Gráficos, iniciativas recoñecidas no Premio Open Data do CPEIG

xoves, 14 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

De esquerda a dereita: David Mosquera, de HP; Fernando Suárez, presidente do CPEIG; Reyes Leis, concelleira de Turismo e Economía do Concello de Santiago; Adrián Moreno, gañador do primeiro premio; Emilio José Diez, de Bahía Software; e Ramón Antonio Parada, gañador do segundo premio

Finalmente o traballo feito na nosa terra a prol de tirar abaixo as barreiras que limitan o acceso ao coñecemento, comeza a ter os seus premios. E nunca mellor dito. Por exemplo o que vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que fixo entrega este xoves no edificio CERSIA (Santiago) do seu primeiro Premio Open Data, un galardón que, como o seu propio nome indica, encamíñase a destacar as vantaxes de facermos innovación e permitir as máis amplas marxes de accesibilidade, uso, adaptación e dispoñibilidade. En total, foron dous os proxectos gañadores. O primeiro premio levouno Galitempo, de Adrián Moreno Peña e Gonzalo Mateo Sixto, mentres que o segundo galardón recaeu en Datos Gráficos, de Ramón Antonio Parada Rodríguez.
De Galitempo, por certo, xa temos falado en Código Cero con motivo das vantaxes de información meteorolóxica que lles achega aos usuarios de iPhone. Galitempo, infórmanos o CPEIG, é unha aplicación para iOS que permite consultar a información meteorolóxica de MeteoGalicia a través de dispositivos como o devandito iPhone ou o iPad. A partir dos ficheiros e imaxes subministrados decote por MeteoGalicia, a aplicación procesa e amosa na pantalla os datos, adaptados ao formato dos ditos aparellos e facendo que a consulta sexa rápida e sinxela. Os responsábeis de Galitempo -que recibiron un total de 600 euros por quedaren clasificados no primeiro lugar-, Adrián Moreno Peña e Gonzalo Mateo Sixto, son de Santiago de Compostela e enxeñeiros técnicos en Informática de Sistemas pola USC.
Datos Gráficos, pola súa banda, foi obxecto dos 400 euros que incluía o segundo premio. Trátase dunha ferramenta que permite a visualización da información do Instituto Nacional de Estadística (INE), instituto que salienta pola gran cantidade de datos que pon en xogo sobre todo tipo de eidos sociais, económicos ou demográficos. Estes datos non están ao alcance de toda a sociedade e existen atrancos que impiden o pleno uso dos mesmos entre as persoas con diversidades funcionais e motrices. Cumpría polo tanto un recurso que habilitase unha ponte entre a información e estes colectivos e aí entra en xogo Datos Gráficos. “Mediante a ferramenta premiada”, informa o CPEIG, “se unha persoa quere amosar datos nun estudo de mercado, nun artigo xornalístico ou nun traballo escolar, entre outros exemplos, poderá facelo sen precisar da axuda de persoal especialista”.
O redondelán Ramón Antonio Parada é un desenvolvedor de aplicacións web residente na cidade da Coruña ao que só lle resta presentar o proxecto final de carreira para converterse en enxeñeiro técnico informático de Sistemas.
No acto de entrega dos recoñecementos, participaron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e o secretario do ente colexial, Juan José González Cid. Ademais, tamén asistiron os patrocinadores do evento: Emilio José Diez en representación de Bahía Software e David Mosquera por Hewlett-Packard. Tamén fixeron acto de presenza a primeira tenente de Alcalde e concelleira delegada de Turismo e Economía de Santiago, Reyes Leis.
Patrocinadores e apoios
O CPEIG agradécelles a súa colaboración aos patrocinadores do premio: as empresas Bahía Software e Hewlett-Packard, e o Concello de Santiago de Compostela. Colaborou na iniciativa a Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), da Xunta de Galicia. Actuaron como xurado do certame: Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG e presidente do xurado, Juan José González Cid, secretario do CPEIG, quen foi tamén secretario do certame; e como voceiros, Emilio José Diez Rico, de Bahía Software; David Mosquera, de Hewlett-Packard, e o profesor Alberto Bugarín Diz pola Universidade de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE