O Premio de Xornalismo Científico da RAGC premia traballos sobre fármacos tradicionais e impresión 3D
luns, 6 de abril do 2026
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), fallou a undécima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026, destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal). O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago.
O xurado acordou conceder o premio -dotado con 3.500 euros- á reportaxe Os fármacos do centeo da xornalista Teresa Rocamonde, emitida o 30 de abril de 2025 na Televisión de Galicia. Esta peza narra a historia dos primeiros fármacos elaborados en Galicia con caruncho, un fungo do centeo utilizado pola medicina popular desde hai séculos. A reportaxe lévanos ás vésperas da Guerra Civil, cando se inauguraba en Vigo o Instituto Miguel Servet, que tres anos despois daría lugar á actual Zeltia, unha das grandes compañías químico-farmacéuticas de Galicia, sendo o caruncho a base do primeiro fármaco rexistrado polo laboratorio. Tal como salienta a galardoada, “ciencia e cultura únense neste capítulo, que forma parte da serie Historias a pé de páxina da TVG, que trata de dar protagonismo a persoas e feitos esquecidos que marcaron o que hoxe somos como pobo”.
Teresa Rocamonde (Santiago, 1975) é licenciada en Ciencias da Comunicación, especialidade en Xornalismo e conta co mestrado en Sociedade da Información e o Coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela. Traballou en axencias, prensa, radio e televisión. É autora de varios libros, entre eles Os segredos do Vilas. En 2007 uniuse ao equipo de Edicións Bolanda, onde desempeña a función de responsable de comunicación e coordinación editorial.
O accésit, para unha reportaxe que o xurado cualifica como “moi didáctica”
A segunda peza mellor valorada -dotada con 1.500 euros- é a reportaxe titulada Así es el Google Maps de los cirujanos da xornalista Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, publicada en La Voz de la Salud (o portal de saúde, benestar e nutrición de La Voz de Galicia) o 16 de novembro de 2025. Amosa como o equipo de impresión 3D do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) deseña modelos tridimensionais para poder planificar e optimizar intervencións que teñen que ver con órganos de complexidade anatómica pola súa estreita relación con outras estruturas vitais e alta probabilidade de complicacións graves, como o fígado ou o páncreas, así como de tumores grandes.
“Esta planificación cirúrxica tamén ofrece vantaxes ao paciente, posto que, na consulta previa á cirurxía, pódeselle explicar que cantidade de órgano se vai quitar, onde se atopa o tumor..., o que lle aporta unha maior tranquilidade” -sinala a autora-. Así mesmo, destácase a utilidade dos equipos de impresión 3D noutras especialidades como traumatoloxía ou cardioloxía.
O xurado apunta que “esta reportaxe recolle un caso de transferencia de tecnoloxía do laboratorio á clínica que repercute directamente na vida das persoas”. Ademais, pon de relevo o seu carácter didáctico.
Cinthya Martínez (Noia, 1997) é graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago, especializada en novas narrativas. Despois de traballar na edición local de La Voz de Galicia en Santiago, desde 2021 forma parte do equipo de La Voz de la Salud.
O xurado desta edición estivo composto polo académico da RAGC Pedro Merino, que actuou como presidente; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; Luís Manuel Villamor, doutor en Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago; a directora da Área de Talento e Transferencia de GAIN, María José Mariño; e a técnica da Área de Programas de GAIN Silvia López.
