O Proxecto ABALAR potenciarase con actividades formativas da man do CPEIG e AGASOL

martes, 22 de marzo do 2011 Redacción

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, anunciaron esta mañá nunha rolda de prensa na que interviñeron o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suáres, e o xerente de AGASOL, Luís Alberto Fernández, representantes das entidades que colaboran coa Xunta nunha serie de iniciativas formativas para impulsar o Proxecto ABALAR.
Grazas a un acordo asinado entre a Secretaría Xeral de Modernización, o CPEIG e AGASOL, levarase a cabo unha nova edición do Plan Navega con Rumbo, unhas xornadas divulgativas para que pais e nais coñezan o espazoAbalar e ofrecerase formación complementaria a docentes sobre os contidos dixitais que pon á súa disposición o Portal ABALAR. As tres iniciativas contan cun orzamento de 82.400 euros, que será financiado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
O obxectivo do acordo é ofrecer actividades complementarias ás xa previstas no proxecto ABALAR, que permitan á comunidade educativa aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles ao seu alcance.
Plan Navega con Rumbo
Tras o éxito da primeira convocatoria do Plan Navega con Rumbo en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Informáticos unha segunda edición que chegará a 138 centros. Especialistas do Colexio achegaranse a estes centros onde impartirán charlas divulgativas dunha hora de duración nas que se ensinará aos escolares a navegar por Internet de forma útil e responsable, implicando tamén aos profesores. Ao remate das xornadas editaranse 22.000 Guías de Boas Prácticas en Internet para alumnos, familias e profesores. Ademais, esta iniciativa conta cunha páxina web de seu, onde está dispoñibles todo a información do proxecto.
Coñece o espazoAbalar
Coa finalidade de informar aos pais sobre todas as funcionalidades do espazoAbalar, o CPEIG realizará unhas xornadas divulgativas sobre este portal para que os pais lle poidan sacar o máximo partido. Paralelamente, realizarase outra xornada destinada aos profesores de cursos ABALAR para amosar a utilización deste espazo nas súas clases e na comunicación cos pais. Cada unha destas xornadas terá unha hora de duración e realizaranse un total de 220 repartidas noutros tantos centros públicos ABALAR.
Formación Práctica dos contidos Dixitais
A terceira actividade prevista consiste na realización dunhas xornadas que complementen a formación que están a recibir os docentes ABALAR. Estas actividades estarán estruturadas en dúas partes, formación técnica que permita aos profesores mellorar no uso das tecnoloxías nas aulas e formación sobre o uso práctico dos contidos dixitais que ofrece o espazoAbalar, e as vantaxes que lle reporta. Esta parte da formación incluirá exemplos prácticos de como impartir unha clase empregando estes recursos.
O material divulgativo destas xornadas, impartidas por membros do CPEIG, será elaborado pola AGASOL. Realizaranse un total de sete xornadas cunha duración de 50 horas cada unha.


Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, durante o acto desta mañá.


Declaracións da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, durante a presentación das novas actividades formativas para promover o Proxecto ABALAR

PUBLICIDADE