O Realme GT3 terá carga rápida de 240 watts
martes, 28 de febreiro do 2023
Realme escolleu o
marco do Mobile World Congress de Barcelona para presentar oficialmente o seu novo
Realme GT3, un smartphone que como principal elemento diferencial ten tecnoloxía
de carga rápida de 240 watts, o que supón completar unha carga en só 9 minutos
e 30 segundos, aínda que o fabricante prefire salientar detalles como que con
só 30 segundos de carga podemos falar por teléfono 2 horas, escoitar música 3
horas ou ver vídeos 1 hora.
Para os que teman que este sistema de carga sexa perigoso para a lonxevidade da
batería de 4.600 mAh, Realme asegura que mantén o 80% de capacidade tras 1.600
ciclos de carga, polo que serían precisos varios anos de uso intensivo para
notar unha caída considerable na autonomía do smartphone.
Este impresionante smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+
Gen 1, 8/12/16 GB de RAM LPDDR5X, 128/256/512 GB/1 TB de almacenamento interno
UFS 3.1, pantalla AMOLED de 6,74 polgadas cun refresco de 144 Hz, cámara
traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 16
Mpíxeles, lector de impresións dixitais
en pantalla, altofalantes estéreo e NFC, descoñecéndose o prezo que terá
finalmente en España (aínda que si se anunciou que o prezo internacional
partiría dos 649 dólares).