O XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas volverá distinguir a investigación escolar arredor da cultura galega
xoves, 12 de marzo do 2026
Este xoves 12 de marzo presentouse o XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, unha iniciativa impulsada pola fundación dedicada ao autor e co que colabora a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Lingua, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio lingüístico e cultural galegos desde o ensino e dende a innovación.
Na presentación interviñeron a presidenta da fundación, Concha Losada, e un dos coordinadores do proxecto, Bieito Pérez Outeiriño.
Tamén participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou a importancia de motivar ás novas xeracións para impulsaren proxectos a prol do galego. Lembrou que a iniciativa vai dirixida aos centros de ensinanza de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial.
Segundo explicaron, a convocatoria convida ao alumnado, seguindo a liña trazada polo labor docente e científico de Antonio Fraguas, a realizar pescudas sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico galego.
Valentín García fixo fincapé en que un capítulo do traballo dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico “xa sexa a toponimia, antroponimia, léxico ou fraseoloxía”.
No marco desta convocatoria, os centros escolares realizarán proxectos orientados á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.
Establécense dúas modalidades, unha para Primaria e outra para Secundaria. Así, o xurado escollerá un proxecto de cada unha delas que deberá ser desenvolvido durante o seguinte curso escolar e ao que se destinará na súa totalidade a dotación do premio, 7.000€. Nesta liña, inclúese a adquisición de material escolar ou o equipamento destinado ao seu desenvolvemento, así como a elaboración dos elementos que reflictan o traballo realizado, presentados en lingua galega e no formato axeitado para a súa exposición.
Cómpre destacar que serán valoradas as accións que fomenten a educación en igualdade, o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado co Camiño de Santiago, a orixinalidade e a diversificación temática respecto dos proxectos premiados nas edicións anteriores. Así mesmo, considérase mérito a participación da comunidade escolar no seu conxunto (alumnado, profesorado, persoal non docente, familias) e a implicación da poboación.
A presentación pública e a exposición dos traballos resultantes terá lugar no Museo do Pobo Galego no derradeiro trimestre de 2027, "nun ano moi especial que coincide co cincuenta aniversario do Museo", como apuntou a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Concha Losada subliñou ademais a "oportunidade que supón para o alumnado o feito de participar desta iniciativa que permite, por unha banda, achegarse de maneira activa ao coñecemento e á investigación do patrimonio cultural da súa contorna, pero tamén compartir os resultados dese traballo coa sociedade, reforzando entre as e os escolares a importancia de transmitir publicamente ese patrimonio cultural dun xeito claro, rigoroso e atractivo".
O prazo para presentar candidaturas para a convocatoria 2026-2027 estará aberto ata o 25 de maio deste ano. O xurado emitirá o seu ditame na segunda quincena do mes de xuño.
Desde a organización, agardan "con ilusión" a recepción de propostas e confían en manter a calidade das últimas convocatorias nas que, como apuntaba un dos coordinadores, Bieito Pérez Outeiriño, "se recibiron e resultaron premiados proxectos moi interesantes que destacaban polo bo traballo en equipo que había detrás tanto do profesorado como do alumnado".
Na edición anterior resultaron galardoados os traballos Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, presentado conxuntamente polos CEIP Lamas de Abade e Apóstolo Santiago de Santiago de Compostela, e Pérez Viondi da Estrada; e A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, presentado polo IES Monte Castelo de Burela.
