O alumnado do mestrado en Patrimonio Cultural Dixital da USC visitou o CITIC

xoves, 7 de novembro do 2024 S. P.

O CITIC recibiu este mércores a visita de dez estudantes do Máster Universitario en Patrimonio Cultural Dixital da UDC, concretamente da materia de Tecnoloxías Aplicadas ao Patrimonio impartida pola investigadora do CITIC María de las Nieves Pedreira Souto.
Durante a súa estadía, os e as estudantes coñeceron diferentes proxectos de investigación que se desenvolven no centro, así como as súas infraestruturas singulares.
A xornada comezou no Demostrador Tecnolóxico, onde puideron probar as lentes Hololens de Realidade Aumentada, que permiten diferentes accións como unha visita virtual ó edificio do CITIC, visualizar o funcionamento do Centro de Procesado de Datos (CPD) do mesmo ou simular o voo dun dron. Tamén viron outros desenvolvementos do persoal de investigación do centro, como unha aplicación para recoñecemento de pólipos para prevención do cancro colorrectal mediante IA.
Xa no Laboratorio de Robótica púxose en funcionamento o can robot que pode servir, por exemplo, como guía para persoas con discapacidade visual; ou o robot Summit, que pode levar a cabo tarefas relacionadas coa loxística, transporte ou agricultura.
A seguinte parada foi o Laboratorio de Impresión 3D, no que se explicou o funcionamento das impresoras de resina, filamento e po de nailon.
Xa na Sala de Realidade Virtual e Localización coñeceron o sistema OptiTrack de captura de movemento e diferentes aplicacións para gafas de RV desenvolvidas por persoal de investigación do CITIC para persoas con mobilidade reducida. Por último, mostróuselles a Sala OitoBits, un espazo dedicado á historia dos videoxogos que se está preparando no centro.
O CITIC abre as súas portas a grupos de estudantes co obxectivo de que se familiaricen de forma práctica coas liñas e diferentes tarefas de investigación que leva a cabo o persoal de investigación, así como espertar vocacións TIC.