O centro atlanTTic abre as súas portas á cidadanía e ao estudantado de ESO, Bacharelato e FP
venres, 13 de outubro do 2023
Achegar ás persoas o labor de investigación tecnolóxico no eido da
Telecomunicación é o obxectivo dunha nova edición de Conecta
con atlanTTic,
unha xornada de portas abertas que se levará a cabo o vindeiro
venres 20 de outubro na dita sede do Centro de
Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic.
Esta proposta permitirá que ao longo da mañá os centros escolares
de Vigo e da contorna e, pola tarde, de 16 a 19h o público xeral se
poidan achegar até atlanTTic.
Máis de 100 estudantes de ESO, Bacharelato e FP coñecerán de preto
o equipo e as instalacións, situadas na EE de Telecomunicación, e
os seus principais proxectos no eido das comunicacións, servizos
dixitais e ciberseguridade. Os centros escolares que estean
interesados poderán coñecer as instalacións, laboratorios e liñas
de traballo que se desenvolven neste centro. Alén disto, o martes 17
de outubro instalarase un posto informativo na rúa Príncipe de
Vigo, diante do Museo Marco en horario de 16 a 20 horas no que se
farán varias demostracións: avances en comunicacións 5G cun dron e
con Santi, o can robot, un modelo cuadrúpedo que conta cunha
mobilidade moi ampla e con tecnoloxía 5G; e membros da asociación
UVigo Spacelab amosarán as súas maquetas e proxectos máis recentes
de nanosatélites.
“Estamos encantados de organizar xornadas como esta”, sinala o
director de atlanTTic, Martín Llamas, “porque nos dá a
oportunidade de amosar ao público xeral e a estudantes que queiran
encamiñar o seu futuro no noso campo, como é o noso traballo e como
se reflicte en melloras reais para o sociedade. É un encontro que
levamos facendo desde 2018 e que, este ano presenta dúas novidades:
ampliamos o noso horario a mañá e tarde, favorecendo así a visita
do alumnado de ESO, Bacharelato e FP e, por primeira vez,
trasladámonos ao centro da cidade para achegarnos á xente da rúa”.
Indo ao miolo de Conecta con atlanTTic, durante a visita aos
laboratorios faranse referencias nacionais e europeas, que forman
parte das instalacións do centro, como o de seguimento de satélites
no que ademais da visita guiada, poderán participar nun obradoiro e
no seguimento do Lume-1, satélite que se encarga de ofrecer
informacións na loita contra incendios. Outro dos laboratorios que
están a disposición do público é o de Acústica, coa visita
guiada á sala de control non-environment e á sala
semi-anecoica, así como ao laboratorio QOPHI, centrado na
investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados, no
que coñecerán máis sobre á revolución que supoñen os chips que
empregan esta tecnoloxía.
Asemade, os investigadores e investigadoras amosarán ao público dun
xeito ameno e interactivo, algúns dos proxectos desenvolvidos no
centro vinculados coas comunicacións 5G, ópticas e vía satélite,
ou proxectos como Panoramix, capaz de diagnosticar a demencia a
través do xogo, e o asistente conversacional CELIA, un chatbot con
empatía para entreter e acompañar a persoas maiores. Tamén
sistemas de radar e xeoposicionamento; a aplicación SignaMed, que
traballa no recoñecemento automático de lingua de signos para
facilitar a comunicación coas persoas xordas; e Lightboard, un
taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital.
As persoas interesadas en asistir ao Conecta con atlanTTic
(ben sexan centros escolares, ben particulares) deberán inscribirse
con anterioridade na
ligazón específica habilitada,
e entre todas e todos os visitantes sortearase un paquete de
agasallos promocionais do centro.