

Un dos proxectos presentados foi A4UC, do que o investigador e profesor Fernando Aguado, líder do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic, amosou os avances na investigación sobre a propagación de sinais en covas lunares e o desenvolvemento dunha antena para comunicacións dentro destas cavidades. Este traballo, realizado en colaboración coa Universidad de Oviedo e a empresa EOSOL, aborda un desafío técnico clave para as futuras misións de exploración lunar e tamén abre a porta a novas formas de comunicación en ambientes extremos, “algo esencial para a exploración planetaria”, explicou.
Este enfoque na exploración lunar ampliouse coa presentación de AMPERS, a cargo do investigador Fermín Navarro, un proxecto que aborda o desafío enerxético das misións lunares. Coa integración dun xerador termoeléctrico de radioisótopos (RTG) e paneis solares nun rover lunar, a UVigo, xunto ás universidades de Oviedo e Leicester, busca garantir a viabilidade enerxética de misións de larga duración na superficie lunar, un avance que sitúa á UVigo á vangarda das solucións tecnolóxicas sostibles para o espazo.

Ademais, a investigadora Uxía García Luis centrouse no proxecto educativo INOU, que ten como obxectivo construír unha estación de seguimento de satélites UHF no Campus de Ourense, reforzando as capacidades tecnolóxicas da UVigo e converténdoa “nun nodo clave para o seguimento satelital”.
Ademais da presentación destes proxectos, a delegación da Universidade de Vigo aproveitou o IAC2024 para fortalecer relacións no sector, avanzando en estratexias coa Axencia Espacial Española e outras empresas, fundamentais para o desenvolvemento de futuras liñas de traballo. O investigador Alejandro Gómez presentou avances en estudios termoelásticos, unha tecnoloxía crítica para o desenvolvemento de estruturas espaciais e destacou a importancia da colaboración público-privada neste ámbito e futuros proxectos en conxunto co IAC (Instituto de Astrofísica de Canarias).

O equipo de Uvigo SpaceLab, formado por Guillermo Calvo, Alfredo Ivorra e Pablo Fernández, tamén participou coa presentación do proxecto BIXO, que estuda o crecemento bacteriano no espazo, unha misión innovadora que ten o potencial de achegar coñecemento sobre a vida en condicións extremas.
O centro atlanTTic amosa o seu potencial aeroespacial en eventos internacionais
Compartir Este Artigo

