O centro atlanTTic reivindicou a imprescindíbel contribución das mulleres ao ámbito STEM

martes, 4 de xullo do 2023 S. P.

O pasado 29 de xuño o Centro de Investigación atlanTTic organizou a xornada Enxeñaría x Mulleres. Baixo o título Diálogos con Enxeñeiras presentouse unha mesa redonda multidisciplinar e interxeracional onde catro mulleres compartiron a súa experiencia no ámbito da enxeñaría e da investigación: Ana María Mejías, Susana Ladra, Ana Larrañaga e Lucía Amaro.
Segundo fixeron saber acerca da fenda de xénero tecnolóxica que lonxe de emendarse agrávase cada ano, en España as mulleres supoñen arredor dun 15% do alumnado das carreiras tecnolóxicas, “o que limita a presenza de talento feminino nas profesións con máis empregabilidade, impacto socioeconómico e proxección de futuro”.
O acto permitiu coñecer de preto experiencias, puntos de vista e motivacións de catro mulleres que imparten docencia e investigan en diferentes ramas da enxeñaría, dende o eido industrial ata as telecomunicacións, a enerxía ou a informática: Ana Mejías, da EE Industrial da UVigo, Susana Ladra, da Facultade de Informática da Universidade da Coruña; Ana Larrañaga Janeiro, investigadora do grupo GTE do Cintecx da UVigo e Lucía Amaro Losada, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación na UVigo.
Na apertura da xornada, o reitor felicitou a atlanTTic pola organización do evento e reclamou maior asistencia masculina a este tipo de actos, “porque isto é tarefa de todos”. Reigosa amosouse “francamente preocupado” pola feminización dalgunhas carreiras e a masculinización doutras e dixo que “perdemos moito talento como sociedade e corremos o risco de algunhas titulacións perdan prestixio fronte a outras, máis masculinizadas que se consideran máis importantes”.
Pola súa banda, Martin Llamas, director de atlanTTic, lembrou que “todos sabemos que o problema da falta de mulleres na enxeñaría é internacional, dáse en todos os países e é moi complicado de resolver, pero dende aquí queremos amosar que hai mulleres enxeñeiras, moi boi enxeñeiras, e elas poden ter un efecto chamada para que as nenas queiran estudar carreiras de enxeñaría”.
Tamén a subdirectora de Difusión e Captación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Laura Docío, incidiu neste aspecto e destacou a importancia de eventos coma este para dar visibilidade ao feito de que “as mulleres tamén podemos ser enxeñeiras” e achegar referentes de profesionais que xa traballan neste eido.
Finalmente Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade, quixo poñer en valor o traballo que realizan a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e atlanTTic, que “son aliados nesta rede de colaboracións que temos para impulsar as políticas de igualdade na Universidade”, e mostra disto son os distintivos que ambos centros acadaron neste eido.
Catro visións con puntos coincidentes
A mesa redonda Diálogos con Enxeñeiras foi un debate multidisciplinar e interxeracional, no que as catro mulleres compartiron as súas experiencias no ámbito da enxeñaría e da investigación dende diferentes momentos da carreira profesional e diferentes campos da enxeñaría. Así, da man da profesora da EET Edita de Lorenzo, intercambiaron puntos de vista Ana Mejías, profesora e subdirectora da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, así como concelleira e deputada provincial; Susana Ladra González, profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC; Ana Larrañaga Janeiro, investigadora de predoutoramento do grupo GTE do Cintecx e Lucía Amaro Losada, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación. Cada unha delas fixo un percorrido polo camiño que as levou a estudar o que elixiron, dende referentes familiares como o caso de Mejías, a decisións de última hora ou vocacións espertadas no instituto e guiadas pola curiosidade.
Mejías lembraba que era unha moza moi estudosa que “ía para médica” pero os recursos familiares non lle permitiron marchar a Santiago. A elección de Enxeñería Industrial estivo moi influída polo seu pai, que se dedicaba ao mantemento nunha empresa e “cando chegaba a casa nos contaba as avarías, como as arranxaba e buscaba solucións como moita imaxinación e saber facer; parecíame arte”. Hoxe en día non só non se arrepinte da elección, senón que está “encantada porque a outra vocación que tiña era a docencia”.
O caso de Susana Ladra foi moi diferente. Ademais de enxeñeira informática é graduada en matemáticas, como os seus pais. De feito, o seu obxectivo era ser docente neste eido, “pero descubrín a programación no instituto e a creatividade que hai detrás, foi algo máxico” que a fixo decantarse por esta enxeñaría. Con todo, recoñecía que entrou na carreira sen saber que era a Enxeñaría Informática e considera que a falta de información “é un dos problemas que están detrás da falta de vocacións”. Ladra tamén lembrou que no momento de elixir carreira non percibiu que as titulacións STEM non fosen para mulleres, porque coincidiu “co pico da enxeñaría, cun 35% de alumnas, un máximo histórico” que non se volveu repetir.
Ana Larrañaga, que agora mesmo a realiza a súa tese de doutoramento no grupo GTE do Cintecx, relatou o camiño que a levou a optar pola Enxeñaría da Enerxía e facer o mestrado de Matemática Industrial. “O meu caso é diferente”, explicaba, porque “vocación non había, medo ao sangue si”, polo que sabía que non ía facer carreiras do eido da saúde e tampouco de ciencias puras “porque pensaba que non ía ser capaz de sacalas, que eran moi difíciles para min”. O punto intermedio que lle chamou a atención e respondía á súa enorme curiosidade foi unha titulación que estaba arrancando na UVigo: Enxeñaría da Enerxía. “Nos primeiros anos do grao si que me din conta de que era quen de facer moito máis do que eu pensaba e do que dicían os profesores do Bacharelato”, e este é un tema no que fixo fincapé, no medo das nenas ao fracaso, a non ter capacidades suficientes e na parte de culpa que teñen algúns docentes de secundaria que poñen límites ao potencial do alumnado. Tras unha estadía en Noruega convenceuse que a investigación ía ser o seu camiño, “porque permite facer cada día algo diferente e achegar o meu gran de area en problemas complexos” e esa é senda na que continúa na actualidade.
Lucía Amaro está a piques de rematar o mestrado ao tempo que traballa en atlanTTic. Na súa intervención recoñecía que se algo a caracteriza é o caos, e ese caos levouna a pasar por múltiples e moi variadas vocacións, incluíndo “saxofonista, como a miña curmá e referente”, ata acabar decantándose pola enxeñaría. Nesa decisión foi determinante o seu avó, “co que pasaba moito tempo cacharreando” e que fixo que buscase unha alternativa que lle permitise unir esa vertente técnica co mundo musical: a telecomunicación. Nese proceso de busca botou en falta recibir información no instituto, tanto sobre as titulacións como sobre as profesións e vías laborais que se abre con cada unha delas. Agora, considera que todo este camiño a levou a onde quere estar: no Laboratorio de Sistemas de Radio, e a facer o quere: antenas.

PUBLICIDADE