O centro atlanTTic e o CTAG realizarán na UVigo probas de transporte intelixente cun vehículo autónomo
luns, 16 de decembro do 2024
A UVigo e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) asinaron este mes de decembro un acordo de colaboración que permitirá a posta en marcha no campus dun servizo de vehículo autónomo e conectado que non só facilitará o transporte de persoas entre os diferentes edificios, senón que tamén servirá como plataforma de proba para diversos casos de uso relacionados coa ciberseguridade no ámbito do vehículo conectado.
Trátase dunha iniciativa impulsada polo Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia no marco do programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH).
En concreto, con esta proba piloto búscase “validar o uso de vehículos autónomos”, poñendo o foco na seguridade das comunicacións entre vehículos e na integración dunha plataforma dentro de redes experimentais 5G e 6G. Para isto, empregarase un vehículo autónomo, unha lanzadeira (shuttle) con capacidade para transportar ata 12 persoas deseñada polo CTAG e grazas a cal se poderá avaliar o funcionamento, rendemento e eficiencia do vehículo conectado nun perímetro controlado, neste caso o Campus da UVigo.
A vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, e o director xeral do CTAG, Luis Moreno, explicaron os detalles do proxecto nunha xuntanza á que tamén asistiron os investigadores de atlanTTic responsábeis na UVigo deste proxecto, Felipe Gil Castiñeira e Ana Fernández Vilas; así como o director da División de Electrónica e Mobilidade Intelixente do CTAG, Francisco Sánchez, e o responsábel do Departamento de Ciberseguridade en Automoción, Carlos Pérez Garrido.
No marco desta xuntanza, Belén Rubio salientou que grazas a esta iniciativa Vigo converterase nun dos primeiros campus a nivel nacional en contar cun servizo destas características. Así mesmo, explicou que a idea de pór en marcha esta iniciativa xurdiu nun dos padroados do CTAG no que presentaron todos os vehículos autónomos que xa tiñan en marcha neste centro. “Nese intre decatámonos de que o campus é unha localización especialmente indicada para realizar probas con este tipo de vehículos e que un proxecto como este serviría tanto para dar visibilidade ao traballo que se leva a cabo desde o CTAG como á propia Universidade de Vigo”, explicou a vicerreitora.
O CTAG liderará a creación dun laboratorio especializado en ciberseguridade aplicada á automoción, equipado coas capacidades necesarias para a validación de solucións en vehículos autónomos e conectados, reforzando así o compromiso co desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas en mobilidade intelixente e segura. En palabras de Luis Moreno, “esta colaboración coa Universidade de Vigo reforza o noso compromiso coa investigación e a innovación no ámbito da mobilidade autónoma e conectada”, lembrando así que o obxectivo do CTAG é “desenvolver solucións tecnolóxicas que non só beneficien ao sector da automoción, senón que tamén impacten positivamente na sociedade”.
Pola súa banda, Felipe Gil, investigador do centro atlanTTic e responsábel do proxecto na UVigo, engadiu que “o obxectivo desta iniciativa é validar a interacción entre vehículos, a seguridade e fiabilidade das comunicacións e a operatividade das redes 5G e 6G”. Gil tamén fixo fincapé en que esta experiencia piloto permitirá avanzar no desenvolvemento de tecnoloxías clave para a modernización do transporte público e a mobilidade intelixente en Galicia.
Ademais, Francisco Sánchez, director da División de Electrónica e Mobilidade Intelixente do CTAG, apuntou que a posta en marcha desta proxecto facilita a posibilidade de “combinar a investigación de todas as vantaxes que ofrece a rede 5G e 6G, con todos os retos que hai por diante en canto a ciberseguridade e, ao mesmo tempo, estar ofrecendo un servizo de vangarda para transporte de pasaxeiros, o que se acostuma a chamar a última milla”.