O curso de dirección de xestión de proxectos áxiles con Scrum de Vitae chega en marzo á súa 51ª edición

martes, 11 de febreiro do 2025 S. P.

Na actualidade o camiño para mellorar na nosa actividade diaria de profesionais TIC pasa de xeito inevitábel pola formación teórico-práctica en metodoloxías áxiles. As alternativas para iniciarnos neste vieiro son moitas e variadas, pero de seguro non hai ningunha que suscite tanta demanda e interese como o curso en aberto Dirección e Xestión de Proxectos TI Áxiles con Scrum, que organiza periodicamente a consultora galega Vitae e que, coa súa inminente edición número 51, é xa un acontecemento formativo histórico dentro do sector. A edición 51, novamente dirixida e impartida por Josefina Nocelo, celebrarase os días 10, 12, 14, 17, 19 e 21 de marzo.
Trátase dunha actividade formativa de gran utilidade para acadar, por unha banda, a máxima calidade nos nosos proxectos, e, pola outra, asegurar a máxima satisfacción entre os nosos clientes.
O curso, que achega a opción de Certificación SCRUM Manager Nivel Experto, celébrase online, na aula virtual de Vitae.
A consultora tecnolóxica Vitae Consultores sinala que estamos ante unha actividade formativa de 16 horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de SCRUM en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).