O delegado da Xunta salienta os fitos do CITIC en materia de Intelixencia Artificial
luns, 26 de abril do 2021- O subdirector do CITIC, Javier Pereira; a concelleira do Concello da Coruña, Esperanza Peñalosa; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.
O
delegado
territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou este 26 de
abril as instalacións do Centro de Investigación TIC da
Universidade da Coruña (CITIC), no Campus de Elviña, para
coñecer algúns dos avanzados proxectos en Intelixencia Artificial
que se están a desenvolver no centro. Nas súas palabras, o CITIC “é
un éxito da colaboración entre a Universidade, a sociedade, a
Administración e o tecido empresarial”.
O
vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia
da UDC, Salvador Naya, o director e o subdirector do CITIC, Manuel F.
González Penedo e Javier Pereira, respectivamente, mostraron ao
delegado da Xunta diferentes investigacións do centro centradas na
Intelixencia Artificial, área na que o CITIC é referente na
comunidade galega. O delegado territorial da Xunta estivo acompañado
pola concelleira do Concello da Coruña, Esperanza Peñalosa.
Trenor
destacou que o CITIC é quen de “marcar a diferencia con respecto
doutros centros” e está a definir “o camiño da investigación e
da colaboración con empresas para sacar adiante proxectos”. Na súa
opinión, “todos os coruñeses e os galegos podemos sentirnos
orgullosos deste centro”, ao que agoirou un futuro “moi
prometedor”.
Trenor
interesouse polos avances dalgúns dos proxectos máis punteiros do
centro e tivo a oportunidade de probar dispositivos de Realidade
Virtual na sala de demostradores do centro, analizando en primeira
persoa a experiencia de usuario.
Cabe
destacar que o CITIC recibiu financiamento directo por parte da Xunta
por máis 2,2 millóns de euros, dende o ano 2019 ata 2022, o cal
constata a importancia que desde o Goberno galego se lle está dando
ao centro.