O desenfoque de fondo en Skype xa é oficial

xoves, 7 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Hai semanas que Skype está a probar unha interesante funcionalidade na súa versión de escritorio, o desenfoque de fondo dun xeito semellante a como fan moitos smartphones no seu modo retrato, e por fin esta prestación é oficial, de xeito que calquera usuario pode premer co botón dereito do rato sobre o vídeo da súa emisión e activar esta opción.
A idea do desenfoque de fondo en videochamadas é incorporar no vídeo unha especie de capa de intimidade, de xeito que non se vexa claramente o contorno da persoa que está a participar nunha conversa, de xeito que os seus interlocutores non poidan ver detalles do seu fogar, a outras persoas que estean de fondo ou incluso detalles do día a día dunha empresa anotados nun encerado de traballo.
Esta nova función de Skype non fai uso de información achegada a través de cámaras especiais, senón que emprega as webcams propias de calquera ordenador, diferenciando á persoa en primeiro plano do fondo grazas ao adestramento dunha intelixencia artificial centrada na identificación da forma humana, que non só detecta as caras, senón que tamén procura diferenciar brazos, mans e mesmo pelo, para que o efecto de desenfoque sexa discreto e xere un vídeo que semelle natural.

A nova opción está dispoñible con só premer co botón dereito do rato sobre o vídeo da nosa cámara

PUBLICIDADE