O dominio .gal celebra as Letras Galegas cunha nova promoción

luns, 15 de maio do 2017 Marcus Fernández

Coa chegada do Día das Letras Galegas e o Día das Telecomunicacións e a Internet é xa tradición que o dominio .gal lance promocións para captar novos rexistros, e este ano non vai ser doutro xeito, e entre os días 17 e 31 de maio será posible rexistrar novos dominios .gal a un prezo máximo de 17 euros + IVE, para o que hai que recorrer a axentes rexistradores como Dinahosting, Entorno Digital, Arsys, Host Europe, Openprovider ou OVH, que ofrecen prezos de entre 16,15 e 17 euros + IVE.

Velaquí.gal

Paralelamente á promoción co gallo do Día das Letras Galegas o rexistrador galego Dinahosting estrea estes días Velaquí.gal, un servizo de intercambio de arquivos que permite enviar ficheiros de até 2 GB de tamaño completamente de balde, de xeito que só hai que indicar o enderezo de correo electrónico ao que se quere remitir os documentos e engadir unha mensaxe descritiva. Ao remitir ficheiros a través de Velaquí.gal o usuario pode optar con opcións avanzadas que facilitan mudar a visibilidade dos documentos, cifralos cun contrasinal e incluso fixarlle unha data de caducidade.
Complétase así unha alternativa a plataformas como WeTransfer, pero desenvolvido en Galicia, e procurando tamén dar visibilidade ao dominio .gal.

PUBLICIDADE