O edificio do CITIC ampliarase con dous novos laboratorios de Intelixencia Artificial e Big Data

luns, 15 de febreiro do 2021 Pedro Pérez

O Centro de Investigación da UDC (CITIC) ampliará as súas instalacións co obxectivo de fortalecer a estratexia de posicionamento da Universidade da Coruña a nivel nacional e internacional. Farao poñendo o foco, principalmente, no eido da Intelixencia Artificial e reforzando as edificacións sustentábeis. Así, o CITIC incluirá dous novos laboratorios de investigación en Intelixencia Artificial e Big Data que acollerán ao redor dunha vintena de investigadores e investigadoras.
A obra permitirá habilitar unha nova superficie nun á do edificio CITIC I. Deste xeito, a superficie anterior verase incrementada nun volume de 428,52 metros cadrados, alcanzando así a superficie en planta de 227,29 metros cadrados.
Esta ampliación permitirá ao CITIC gañar unha maior repercusión no terreo da Intelixencia Artificial e a dixitalización, abrindo oportunidades como os sistemas de monitoraxe no ámbito da saúde para abordar situacións de envellecemento ou de persoas dependentes, atraendo así un maior número de investigadores en tecnoloxías de aprendizaxe das máquinas e semellantes.
A remodelación será financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e está previsto que as obras finalicen despois do verán.

PUBLICIDADE