O emprendemento galego en ciberseguridade colle impulso en Vigo o 22 de xaneiro
venres, 10 de xaneiro do 2020
O
capítulo galego do ISMS Forum
Spain, presentado nos seus detalles o
pasado mes de novembro, comezou 2020 a pleno rendemento. Proba
disto é a xornada
de innovación e emprendemento en ciberseguridade que organiza o
capítulo o vindeiro 22 de xaneiro na sede de Abanca en Vigo (nos
números 1-3 da avenida de García Barbón), en horario de 9.00 a
12.00 horas. O obxectivo será xuntar recursos, traballar en común e
visualizar e impulsar novas propostas de emprendedores en materia de
protección tecnolóxica e salvagarda da información e dos sistemas.
A
presentación correrá a cargo de Roberto Baratta, director de
continuidade de negocio e protección de datos en Abanca, así como
membro principal de Global ISMS Forum; e Susana Rey, responsábel de
protección de datos na operadora galega de cable R e, tamén,
integrante referencial de ISMS Forum Galicia. Durante a xornada,
exporanse algunhas das iniciativas máis relevantes no sector e
coñeceranse os proxectos da man de startups como AuthUSB,
DirectDump, ImprOTech, Redbee, DooingIT ou Blackarrow.
A
estrea oficial de novembro
O
capítulo galego do ISMS Forum presentou en novembro do ano que vimos
de deixar atrás a súa liña principal de actuación: promover o
desenvolvemento, coñecemento e cultura da seguridade da información
e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector. ISMS
Forum Spain ten xa a máis de 230 empresas asociadas e máis de 1.200
profesionais asociados. A Asociación Española para o Fomento da
Seguridade da Información, ISMS Forum Spain, unha organización sen
ánimo de lucro fundada en xaneiro de 2007, concibiuse para promover
o desenvolvemento, coñecemento e a cultura da Seguridade da
Información.