O equipo do proxecto galego CX-Geodron recolle o Oscar do Espazo en Helsinqui

xoves, 5 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os proxecto galego-asturiano CX-Geodron resultou gañador da edición deste ano do Concurso Galicia Challenge, concurso da Zona Franca de Vigo encadrado na convocatoria europea dos premios internacionais Galileo Masters, convocados pola Axencia Europea GNSS e a Axencia Espacial Europea. A maiores, foi distinguido co galardón internacional Idea of the Year destes premios promovidos polas ditas axencias, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais. Os responsábeis do dito proxecto, que propón desenvolver un sistema instalado en drons para detectar dun xeito preciso obxectos sobre un plano terrestre ou subterráneo, recolleron onte o devandito recoñecemento mundial en Helsinqui.
CX-Geodron foi seleccionado entre máis de 300 propostas de negocio innovadoras baseadas na navegación por satélite de todas as comunidades europeas.
Nunha gran gala patrocinada polo Goberno finlandés e a Comisión Europea, os investigadores das universidades de Vigo e Oviedo, desenvolvedores da idea, co delegado de Zona Franca, David Regades, recolleron o galardón onte á noite en Helsinqui, un recoñecemento principal dunhas distincións que se coñecen como os “Oscar do Espazo”.
Regades manifestou o seu orgullo por ter impulsado desde a Zona Franca esta competición (Galileo Masters) que trata de activar o desenvolvemento de novos negocios baseados nas prestacións do satélite Galileo. O delegado felicitou efusivamente á promotora da idea, Yolanda Rodríguez Vaqueiro da UVigo, co encargo de facer extensiva esta felicitación a ambas as universidades e a todos os integrantes do equipo do proxecto conformado por dez enxeñeiros e enxeñeiras de Telecomunicación de cuxo traballo naceu CX-Geodron.
Como explicaron os propios investigadores, a idea básica da proposta que foi merecedora deste gran premio internacional consiste nun radar instalado nun vehículo aéreo non tripulado que permite, mediante a utilización de bandas UHF e SHF, a detección e identificación de obxectos a nivel terrestre e subterráneo. Os principais usos que podería ter son: detección de minas antipersoas; detección de contaminación mariña e derrames de petróleo; usos arqueolóxicos; localización de infraestruturas soterradas; servizos GPR tradicionais e detección de volume e altura de masas forestais preto de infraestruturas críticas tales como torres de media e alta tensión.
Amais dos beneficios sociais inherentes a estas aplicacións, o proxecto ten unha visión empresarial clara. Por iso, os investigadores de CX-Geodron, proxecto financiado pola convocatoria Ignicia como RadioUAV, teñen intención de crear unha empresa o vindeiro ano co fin de comercializar a tecnoloxía desenvolvida. Para iso xa dispoñen do apoio de Zona Franca que, como gañadores galegos, premioulles cun ano de incubación no viveiro do edificio Aeroespacial de Porto do Molle, o que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, consultoría, formación e orientación económica para converter a súa idea de negocio.

PUBLICIDADE