O fenómeno K-Pop regresa á Lérez Up os días 13 e 14 de setembro
xoves, 14 de agosto do 2025
Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki de Pontevedra, que se celebrará os vindeiros 13 e 14 de setembro no recinto feiral, abriu as inscricións para o concurso máis esperado do evento: o certame de K-Pop.
Tras o éxito da pasada edición, a zona K-Pop volve á Lérez Up e faino por todo o alto. Este ano contará coa organización de Korean Events Galicia e o patrocinio de WordPress.com, que chega cun auténtico glow up do espazo e premios espectaculares para o concurso de baile K-Pop.
A organización lembra que as inscricións están abertas desde a semana pasada e que a inauguración do prazo confirmou “o entusiasmo do público”. Así, as prazas para a categoría grupal esgotáronse en só 5 días, aínda que a categoría individual segue dispoñible para quen queira vivir esta experiencia única no escenario. O concurso repartirá 700 € en premios, merchandising e regalos sorpresa de WordPress.com. Haberá galardóns para os finalistas de cada categoría, así como un premio do público. Este último decidirase mediante votación a través do móbil, e participar tamén terá recompensa: todas as persoas que voten entrarán no sorteo de premios sorpresa cortesía de WordPress.com.
A organización do Lérez Up lembra que “a zona K-Pop será un punto de encontro continuo durante toda a fin de semana, con actividades, xogos, música e moitas oportunidades para vivir de preto a cultura surcoreana”.
Este ano, WordPress.com súmase como un dos patrocinadores principais da Lérez Up e, ademais de apoiar a zona K-Pop, achegará dúas actividades especiais abertas a todos os públicos: creación de páxinas web (obradoiro impartido por Jesús Amieiro o sábado ás 18.30 horas no primeiro andar do recinto) e Hackea a túa identidade dixital: de NPC a protagonista, charla impartida por Ana Cirujano o sábado ás 20:00h no escenario. Ambas actividades son gratuítas coa entrada do evento. No caso do taller, é necesario traer o noso propio portátil (poderemos gardalo de forma gratuíta na consigna) e inscribirnos previamente a través da páxina web do salón.
“A combinación de música, baile, obradoiros e actividades interactivas promete converter a zona K-Pop nun dos espazos máis vibrantes e concorridos da Lérez Up 2025”, sinalan dende a organización.
En setembro no Recinto Feiral de Pontevedra
O salón do videoxogo e da cultura friki de Pontevedra, o evento Lérez Up, celebrarase os días 13 e 14 de setembro no Recinto Feiral da cidade e contará de novo coa colaboración do Concello de Pontevedra e da asociación Gaming Troop.
O evento confirma “unha edición chea de propostas para todos os públicos”, que van desde torneos de videoxogos ata cosplay, xogos de mesa, actividades de cultura xaponesa e máis.
A zona de xogos de mesa regresa da man da asociación Rotting Pizza con máis contido que nunca: haberá xogo libre, torneos de Catan, Warcrow e Punkapocalyptic (dous xogos de miniaturas de temáticas de fantasía e post-apocalipsis), un obradoiro de pintura, un espazo de prototipos de xogos e creadores emerxentes, e tamén mesas de rol para mergullarse neste tipo de partidas.
Na zona Idol Games, o público poderá participar en xogos de adiviñanzas como audiotrivial, bingotaku, adiviña a personaxe, ou karaoke libre, e moitas sorpresas máis pensadas para a comunidade friki.
Un ano máis, participa a asociación pontevedresa Pontelabs, que promove a filosofía maker, e que traerá ao salón algúns dos seus proxectos feitos con impresoras 3D e ofrecerá un obradoiro para pintar figuras Pokémon, unha actividade pensada para público familiar e amante da personalización.
Repiten asistencia tras o seu paso en anos anteriores Escuadrón SAS cunha zona temática do universo Star Wars, onde o público poderá construír o seu sabre de luz, aprender técnicas de combate Jedi e participar en duelos e torneos intergalácticos.
A programación de videoxogos complétase cunha ampla lista de torneos oficiais, que inclúe títulos tan esperados como Mario Kart World (na nova Nintendo Switch 2), Fortnite, League of Legends, Valorant, Super Smash Bros Ultimate, Just Dance e Tekken 8.
