O fotómetro FreeDSM do CITIC mide a contaminación lumínica de xeito accesíbel e preciso
mércores, 14 de agosto do 2024
O investigador predoutoral Mario Casado, do grupo de investigación do CITIC da Universidade da Coruña liderado por Carlos Dafonte, publicou un artigo de divulgación na revista Nature Reviews & Earth Environment: un documento no que se detalla polo miúdo o fotómetro FreeDSM, innovador dispositivo innovador que permite a medición precisa dos niveis de luz nocturna.
O fotómetro é o resultado dun proxecto de Proba de Concepto MICINN no que colabora a Universidade da Coruña xunto coa Universidade de Barcelona, enfocado no estudo e mitigación da contaminación luminosa.
Segundo explica o CITIC, o FreeDSM distínguese pola súa accesibilidade, xa que está deseñado para ser construído polos propios usuarios utilizando compoñentes de baixo custo e facilmente dispoñíbeis. O dispositivo utiliza o software Tasmota, unha plataforma de IoT (siglas de Internet das Cousas) de código aberto, o que fai máis doada a súa aplicación e personalización.
Ademais, o FreeDSM permite comparar as medicións de luz nocturna cos niveis teóricos de luz natural baseados no modelo de ceo natural Gambons, desenvolvido pola Universidade de Barcelona utilizando datos da misión espacial Gaia.
Tamén fai posíbel unha vixilancia estendida da contaminación lumínica, proporcionando datos en tempo real sobre os niveis de luz artificial que son esenciais para avaliar os impactos da luz nos ecosistemas. Por exemplo, o FreeDSM utilízase para facer monitoraxe da contaminación lumínica en plataformas de acuicultura preto de Vigo e en observatorios astronómicos en La Silla, en Chile, e en Montsec, en Cataluña. “A vixilancia deste tipo de polución co FreeDSM pode, por tanto, apoiar o uso sostíbel da iluminación artificial en contornas mariñas e terrestres, reducindo os seus impactos negativos nos ecosistemas naturais e na saúde humana”, sinala o CITIC, engadindo que o proxecto conta ademais co apoio da Fundación Slowlight, coa que existe un acordo para dar continuidade ao desenvolvemento do FreeDSM e expandir a súa aplicación na loita contra a contaminación lumínica.
Para máis información sobre este proxecto podemos visitar a web de Gaia4sustainability.