O futuro da IA Xenerativa na creación de software foi o fío condutor dunha xornada de Vitae na Cidade das TIC

luns, 29 de xuño do 2026 S. P.

O pasado xoves 25 de xuño a consultora galega Vitae organizou a segunda edición dun evento formativo e gratuíto destinado a abordar as posibilidades e usos da intelixencia artificial para os profesionais e as empresas centradas na programación. A xornada Utilidade da IA Xenerativa no Desenvolvemento de Software: Realidade ou Ficción? celebrouse na Cidade das TIC da Coruña en horario de mañá.
Acolleu relatorios de primeiro nivel con Carlos Escudero Cascón, director TI da UDC e investigador do CITIC, Juan Martínez Neira, director de Desenvolvemento de Software de Plexus, e Carlos González Jardón, director de Arquitectura e Procesos TI de Abanca.
Entre as principais conclusións achegadas polo evento organizado por Vitae figura a seguinte: a constatación de que a implantación da IA Xenerativa no desenvolvemento de software xera máis dúbidas que certezas, creándose un escenario onde non hai “un coñecemento previo desta metodoloxía nin como organizala e incorporala ás organizacións”.
Os relatores tamén coincidiron á hora de rastrexar as causas que motivaron os despedimentos de programadores os pasados anos, que, segundo sinalaron, non se atopan na implantación da IA senón “nun reaxuste do mercado despois da pandemia”.
Con todo, engadiron que esta situación está a mudar xa que “dende hai un ano as empresas e entidades están a contratar máis programadores e desde 2016 o volume de contratación en todo o mundo medrou un 60% chegando aos 49.000.000 aproximadamente de profesionais deste ámbito en todo o planeta”. Así, sinalaron, “malia os avances na tecnoloxía, non é certo que a IA está agora destruíndo emprego de programación”.
Os convidados da xornada tamén coincidiron á hora de sinalar que os proxectos que están a funcionar con IA son sobre todo dous: por unha banda pequenas aplicacións e melloras de tarefas como testing e, pola outra, proxectos de software Legacy.
Pola contra sinalaron que existen atrancos en proxectos grandes de software, xa que “non hai unha metodoloxía nin unha guía aínda para iniciativas de envergadura, pois é unha tecnoloxía moi nova con apenas un ano de vida e apréndese sobre a marcha”. Pola contra, si que hai plena actividade nas metodoloxías con arneses ben implementados, con axentes, con skills e con proxectos liderados por arquitectos técnicos de software.
Explicaron tamén que “a IA é algo que veu para quedar” pero ao mesmo tempo “existe moita incerteza sobre o custo real da IA pola variabilidade do custo dos tokens a curto e a medio prazo, o que impide estimar e orzamentar o custe dos proxectos de desenvolvemento de software”, o que constitúe, apuntaron, “un freo importante, ademais da incerteza política do Goberno de EEUU”.
Máis conclusións
-A produtividade bruta medrou moito pola xeración enorme de código pero a produtividade neta dependerá do proceso adoptado e ese é outro dos retos para implantar a IA nas empresas.
-O prognóstico é un cambio no rol das programadoras e programadores, presentándose máis como deseñadores e analistas ( nha das súas funcións que crecerá será a da verificación dos resultados da IA).
-Haberá poucos cambios na xerarquía nos proxectos de software (apréciase unha redución no número de programadores por equipo).
Resumo
Coincidiron en afirmar que as organizacións están a utilizar a IA e que “non hai volta atrás polo seu enorme potencial e utilidade”, pero estase a frear a súa implantación ao non haber ningunha experiencia previa ao ser unha tecnoloxía moi nova. Tamén é un obstáculo a incerteza do custo a curto e medio prazo desta tecnoloxía que impide estimar os investimentos económicos nos proxectos.