O iPad 2 será máis delgado, lixeiro e potente

mércores, 2 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Esta tarde (hora española) Apple cumpriu co agardado ao presentar o seu iPad 2, unha actualización do seu popular tablet que é máis delgado, máis lixeiro, máis rápido e con videoconferencia, o que podería considerarse un cambio menor no produto, e que chegará ás tendas españolas o vindeiro día 25 (un par de semanas despois do lanzamento norteamericano).
O feito de que o novo iPad sexa un 33% máis fino e pese un 15% menos, así coma o feito de que poida adquirirse con marco en dúas cores (branco ou negro) fai que sexa claramente distinguible do seu predecesor, o que tamén é posible grazas á incorporación de 2 cámaras, que facilitan o uso de FaceTime (sistema de videoconferencia do iPhone 4 e tamén de Mac OS X) e a gravación de vídeo en alta definición, aínda que a actualización do seu procesador a un A5 de dobre núcleo podería ser o que máis agradecerán os actuais usuarios dun iPad que teñan pensado en mercar o novo, pois o incremento de velocidade permitirá un uso máis fluído (especialmente nas aplicacións que traballan con vídeo) e uns mellores gráficos nos xogos. Pese á mellora de potencia, a autonomía consegue manterse nas 10 horas.
A Smart Cover é unha evolución da funda oficial do iPadEntre as novidades do produto destaca a nova funda oficial de Apple, que en vez de ser integral como no primeiro iPad, desta volta só cubre a pantalla. A Smart Ciover fai uso dunha curiosa tecnoloxía magnética que facilita o seu acomplamento, e pode transformarse nunha especie de soporte en dúas inclinacións diferentes para facilitar o seu uso sobre o escritorio ou para a visualización de vídeos a unha certa distancia (como xa pasaba coa anterior funda). As cubertas do iPad 2 estarán dispoñibles en 10 cores brillantes (5 en pel italiana tinguida).
A pantalla do iPad 2 conserva a resolución (1.024 x 768 píxeles) e o tamaño (9,7 polgadas), con tecnoloxía IPS retroiluminada por LED; o almacenamento interno continúa a ser de 16, 32 ou 64 Gb; tamén estará dispoñible en versións Wi-Fi e Wi-Fi + 3G (este último con compás dixital e GPS); seguindo os pasos do iPhone 4 incorpora un xiroscopio de 3 eixes; corrixe unha importante eiva ao permitir o uso da saída de vídeo en espello (ou sexa, que ao conectar o dispositivo a dispositivo externo coma un televisor ou un proxector poderá verse a mesma imaxe que no tablet, o que ata o momento só era posible facendo jailbreak ao iPad); e tamén podemos destacar que entre os idiomas soportados polo iPad 2 figura o español e o catalán, pero esquécese totalmente ao éuscaro e ao galego.

Steve Jobs conduciu a presentación do iPad 2 pese ao seu estado de saúde

O iPad 2 funcionará con iOS 4.3 (actualización que estarán dispoñible en breve), e coma consecuencia da súa saída temos xa unha baixada de prezo do modelo anterior nuns 100 euros, polo que agora pode mercarse un iPad con 16 Gb de disco e Wi-Fi por só 379 euros (xa que o iPad 2 conservará os prezos orixinais do iPad).
Deixando de lado o trebello, a presentación do iPad 2 tamén destacou pola volta á escena de Steve Jobs, que pese a estar de baixa, tivo a ben acudir ao evento, o que deu tanto que falar coma o novo tablet, Jobs presentaba un aspecto delgado pero enérxico, e a súa aparición baixo os focos serviu principalmente para tranquilizar aos investidores, o que reflectiuse directamente na cotización bolsista da compañía de Cupertino.

A posibilidade de utilizar FaceTime é a principal novidade do iPad 2

PUBLICIDADE