O iPad Pro incorpora o procesador M2
martes, 18 de outubro do 2022
- A aplicación de edición de vídeo DaVinci Resolve terá versión para iPad
Entre as renovacións de produtos de Apple que tiveron lugar
hoxe, unha das máis previsibles foi a do iPad Pro, que basicamente actualizou
o seu procesador ao un dos novos chips M2, o que supón un incremento de
potencia (a CPU mellora un 15% fronte ao M1 e a GPU un 35%, mentres que o largo
de banda do seu almacenamento interno increméntase un 50%).
A
nova potencia da tableta nótase especialmente en traballo con vídeo, xa que
o M2 incorpora un novo motor multimedia e un procesador de sinal de imaxe que
combinados coas cámaras avanzadas permite capturar vídeo ProRes e tamén transcodificar
secuencias ProRes até 3 veces máis rápido, o que agradecerán os creadores de
contido que traballen en mobilidade, e que están especialmente entusiasmados
polo feito de que a aplicación profesional de edición de vídeo DaVinci Resolve
vaia contar con versión para iPad.
O funcionamento do Apple Pencil de segunda xeración tamén mellora, podendo
agora detectarse até 12 milímetros por enriba da pantalla, polo que os usuarios
poden previsualizar a súa marca antes de comezar o trazo e contar así con maior
precisión nas súas ilustracións.
A conectividade sen fíos tamén mellora, contando agora con Wi-Fi 6E e con 5G na
versión con conectividade móbil.
O iPad Pro con M2 chega ao mercado o día 26 a prezos que parten dos 1.049 euros
no modelo con pantalla de 11 polgadas e de 1.449 euros para o modelo con
pantalla de 12,9 polgadas, destacando este último por poder chegar a un prezo
de 3.024 euros con 2 TB de almacenamento e conectividade móbil, ou sexa, que
sería o primeiro iPad en superar a barreira dos tres mil euros.