O influencer Álex López introdúcenos na potencialidade da mercadotecnia en redes

mércores, 28 de febreiro do 2018 Redacción

Este 28 de febreiro, cuarta feira, desenvólvese na Coruña o quinto Taller Mercadotecnia Expertise - Optimizar ao máximo a estratexia comercial dunha empresa (clientes e B2B), en cuxa organización colabora o Centro de Investigación TIC, o CITIC. O obradoiro estará impartido polo que está considerado o meirande referente dixital (influencer) do ámbito das redes sociais e a mercadotecnia no eido hispano, Álex López. A cita terá lugar de 10 a 14 horas na Sala Eisenman da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) e, pola tarde, de 17 a 20 horas na Facultade de Economía e Empresa da Coruña.
Segundo informa o CITIC, as sesións están dirixidas a profesionais e responsábeis de empresas que queiran apostar pola dixitalización, así como os departamentos implicados na mellora dos seus resultados comerciais aproveitando as oportunidades que ofrecen as redes sociais profesionais e a nova contorna dixital.
Álex López é formador de redes sociais en IESE, ESADE, IE, ISDI e na Universidade de Deusto. Nas súas sesións aconsella sobre trucos útiles e boas prácticas en materia de Business-To-Business (B2B), e tamén adoita facer fincapé nos principais problemas que poden xurdir con estas contornas de traballo. De feito, posúe unha dilatada experiencia como dinamizador dixital da súa propia empresa (Social And Retail Training International Academy (SARTIA), Retail Meeting Point). É un dos expertos máis acreditados en redes profesionais como LinkedIn.

PUBLICIDADE