David Vilares, premiado polas súas contribucións na análise de sentimentos nas redes sociais

luns, 21 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O enxeñeiro informático do CITIC (Universidade da Coruña) David Vilares Calvo recibiu os días pasados un importante recoñecemento a nivel estatal, xunto con media ducia de investigadores máis, tal e como fixemos saber dende Código Cero. Estamos a falar do Premio Mozo Investigador Informático que concede a SCIE e a Fundación BBVA, ao abeiro do certame Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España. Segundo avanzamos daquela, Vilares Calvo foi distinguido polas “súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial fincapé na súa aplicación no estudo de sentimentos en redes sociais”. Segundo puidemos saber hoxe, da man do propio enxeñeiro informático vigués, o dito galardón veu dado en boa medida polo seu traballo ao abeiro do Grupo LyS (Lingua e Sociedade da Información) da Universidade da Coruña.
Este grupo, para quen non o saiba, forma parte da Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información (Rede PLIR), financiada pola Xunta de Galicia e constituída no ano 2006. A Rede está integrada por grupos de investigación das tres universidades galegas que traballan neste eido, formados por lingüistas e expertos en Ciencias da Computación.
Segundo nos conta Vilares, afondando na natureza dos traballos do grupo, “o Procesamento da Linguaxe Natural é a área de investigación que se ocupa de que as máquinas poidan interpretar o que dicimos e de que poidan comunicarse con nós”. Ao fío disto, o enxeñeiro vigués, explica que unha pequena parte desta área é o que se coñece como “Análise do Sentimento”, que se centra en poder comprender de maneira automática as emocións que se expresan na web, “como cando facemos unha crítica dunha película, eloxiamos o produto que acabamos de mercar ou ironizamos sobre a vida política, por exemplo”.
Con este obxectivo, nestes anos de investigación Vilares adicou os seus esforzos “a tentar aprender ás máquinas a emular un proceso que é complexo para elas”, pero que, porén, é inmediato para o noso cerebro. Trátase do seguinte: determinar como as palabras dunha oración se estruturan e relacionan entre elas e seren (as máquinas) capaces de coñecer o seu significado como conxunto, e así poder adquirir coñecemento.
Sobre o devandito, Vilares fai saber que a Análise do Sentimento ten aplicacións tanto no ámbito comercial como no social. Por unha banda, explica, “permite establecer comparacións entre os produtos que un posíbel usuario estea interesado en adquirir, baseándose en opinións previas existentes de usuarios que xa mercaron o devandito produto, o que permite mellorar a súa experiencia á hora de atopar o que máis se axuste ás súas características”. Un exemplo disto vén dado cando estamos a procura dun teléfono móbil e queremos mercar un que se adapte ben ás nosas necesidades, pero dubidamos entre varios modelos. Unha das vías posíbeis para resolver este problema é acudirmos a foros dixitais e ver as valoracións doutros usuarios. Do que se trataría, polo tanto, é de que as máquinas teñan a capacidade para procesar de maneira automática as devanditas opinións e sexan quen de ofrecer datos de valor sobre a mellor opción de compra.
Segundo engade, a Análise do Sentimento permite tamén medir o grao de apoio ou rexeitamento que certos eventos, casos mediáticos ou decisións políticas teñen entre a sociedade; a través das opinións públicas vertidas en foros como TripAdvisor ou nas diferentes redes sociais.
Vilares tamén salienta que “a máis longo prazo”, a Análise do Sentimento terá aplicacións relevantes “á hora de que as máquinas poidan interpretar as nosas emocións”, por exemplo tristura, ledicia ou enfado, “e interactuar con nós en base a iso”.
Traxectoria do investigador
Tras estudar Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña, David Vilares realizou a súa tese de doutoramento na mesma universidade, entre os anos 2013 e 2017. Durante este período tivo ademais a oportunidade de colaborar e realizar estadías en centros de investigación estranxeiros, en particular nas Universidades de Wolverhampton e Aston (no Reino Unido) e na Universidade Tecnolóxica de Nanyang (en Singapur); grazas ás Axudas para a Formación do Profesorado Universitario do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e ao apoio de entidades privadas como o caso de Inditex.

En xuño de 2017 defendeu a súa tese de doutoramento e dende entón traballa como investigador posdoutoral no proxecto FASTPARSE (Análise da linguaxe natural para o seu procesamento a grande escala). Trátase de coñecer como os ordenadores poden obter de maneira moito máis rápida a estrutura sintáctica das oracións; é dicir, lograr melloras na velocidade e eficiencia dos sistemas de busca ou tradución que empregamos diariamente a través de Internet.

PUBLICIDADE