O obradoiro de emprego de Cambados estrea web
luns, 27 de agosto do 2018
O
Concello de Cambados presentou estes días unha nova páxina web para
afianzar a comunicación cos veciños e a participación. Trátase
do sitio específico do seu Obradoiro de Emprego para a renovación
urbana e medioambiental, dispoñíbel en http://oe.cambados.es/
e definido polo Goberno local como unha nova fonte de información
para achegar o traballo municipal á cidadanía.
Na
presentación do sitio, o Concello encadrou a páxina acabada de
estrear nun amplo e ambicioso proceso de dixitalización que se está
a materializar na posta en marcha dun importante feixe de páxinas
temáticas locais (o portal de Enoturismo, o de Transparencia, o do
Viveiro de Empresas ou o da Oficina de Asesoramento ao Contribuínte,
así como os distintos espazos propios nas redes sociais), no
desenvolvemento e implementación da Administración Electrónica ou
na activación da nova páxina web do Concello, dispoñíbel en
cambados.es.
Polo
que se refire á páxina sobre o Obradoiro de Emprego, informa polo
miúdo sobre esta iniciativa local e as súas actividades, integradas
nas políticas de inserción do Concello e nas que participaron unha
vintena de alumnos, recibindo formación nas especialidades de
carpintería da madeira e xardinería forestal. O desenvolvemento
desta web, así coma dos outros sitios en liña temáticos, foi
levado a cabo por persoal municipal, e “polo tanto non supuxo
ningún custe extra para as arcas de Cambados”.